A Asociación Amicos acaba de dar un gran paso adiante na súa labor de atender ás persoas con discapacidade intelectual da Comarca do Barbanza. Quedan aínda demasiados usuarios en lista de agarda, seis en concreto; pero dende este ano Amicos incorpora 18 novas prazas no seu Centro Residencial en Boiro.
A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, presidiu este mediodía o acto de presentación destes novos recursos. No evento tamén participaron o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, o alcalde da Riveira, Manuel Ruiz Rivas e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo Pouso, o director xeral de Amicos, Xoán España e a presidenta de Amicos, Esther Vidal.
Con todo, as grandes protagonistas do evento foron dúas familiares de usuarios; un a quen a Administración adxudicou unha das novas prazas e outro que sigue en lista de agarda. As socias tomaron a palabra para agradecer o apoio recibido a través de Amicos, pero asemade para demandar máis esforzos.
Así, Soledad Rodríguez irmá dun dos usuarios que, malia ampliación, continúa en lista de agarda, lembrou que “en Amicos melloramos moito pero seguimos necesitando axuda”. A nai reivindicou que “queremos que as nosas familias estean cerca de nós, cerca da casa” porque “as persoas con discapacidade necesitan estar preto da familia”. “Non queremos que os nosos rapaces os leven para lonxe”, concluíu.
As familias avellentan e necesitan unha alternativa
Tamén falou Felisa Piñeiro, nai dos usuarios dos acaban entrar con praza no Centro Residencial, tras levar 14 anos como usuario de Amicos. Piñeiro describiu unha problemática común a moitas familias, que van avellentando e necesitan atopar unha alternativa para as persoas con discapacidade das que son responsábeis. “Nós imos para maiores e non pode ser que teñamos aos nosos familiares lonxe porque temos aquí un colexio moi bo” dixo antes de lembrar que o seu fillo “sen Amicos non pode vivir”.
Xoán España, director xeral de Amicos, tomou a palabra para insistir que o obxectivo da Residencia é que a ningún usuario lle falte unha casa chegado o momento. O xerente Amicos recordou que coa crise económica destes anos os comezos da residencia foron difíciles, pero agradeceu especialmente o apoio recibido polo Goberno Galego nos últimos exercicios.
A directora xeral da Xunta Fabiola García Martínez dixo que a ampliación é unha “noticia importante” e comprometeu o “compromiso innegociable” da Administración Autonómica coas persoas con discapacidade.
O Centro Residencial de Amicos ten capacidade para máis prazas
En total, o Centro Residencial de Amicos pasa a contar con 28 prazas. En 2014, cando Amicos abriu o seu centro en Comoxo (Boiro), únicamente se poideron abrir 9 prazas. O Centro contra cunha capacidade de 33 prazas, polo que é necesario que as administracións aumenten o seu apoio para que estas prazas poidan ser desfrutados por persoas que o necesitan tanto e, como dixo España, “ningún rapaz se quede sen praza”.
Posteriormente, as autoridades e os familiares que acudiron ao acto fixeron de xurado do concurso de sobremesas típicas destas datas (melindres, filloas, etc) que Amicos organizou como parte da súa festa de Entroido, que tamén tivo lugar esta mañá. A gañadora foi Begoña Ferreiros, cunhas deleciosas filloas recheas.