AMICOS CELEBRA EN RIBEIRA COA LECTURA DUN MANIFESTO O DÍA MUNDIAL DE CONCIENCIACIÓN DO AUTISMO
Con motivo do Día Mundial do Autismo, que se conmemora o 2 de abril, decidimos levar a cabo a lectura dun Manifesto a prol das persoas con autismo na Alameda do Concello de Ribeira.
O MANIFESTO
Dous compañeiros da unidade de autismo da Asociación, Juan Pombo e Alfonso Pérez, leron a proclama. “Amicos pretende crear conciencia sobre como xerar as condicións adecuadas para facer que a educación e o emprego sexan máis accesibles para o colectivo”, así comezaba Alfonso Pérez coa lectura do manifesto.
Os dous compañeiros con apoio e pictogramas fixeron un chamamento ás autoridades competentes para promover as necesidades das persoas con autismo. En canto á educación solicitaban o acceso e apoio para estudar, formación sen discriminación e recursos económicos para unha ensinanza adaptada. En canto ao traballo, pedían unha igualdade de oportunidades e un sistema laboral inclusivo e adaptado.
Para concluir, de maneira xeral demandaron o dereito unha vivenda digna en igualdade de condicións e adaptación cognitiva de todos os lugares públicos para facilitar a comunicación das persoas con TEA mediante pictogramas.
Tampouco se esqueceron da situación epidemiolóxica, por iso pediron o aceleramento da vacinación contra o COVID-19 das persoas máis vulnerables, principalmente con algún tipo de discapacidade funcional.
O ACTO
O acto foi presidido por Fabiola García Martínez, Conselleira de Política Social: “É un orgullo como ribeirense que o meu concello sexa o epicentro de visibilidade do autismo”, iniciaba a conselleira a súa intervención.
“Todos somos diferentes e non temos que pretender en ningún caso ser iguais, temos que loitar para que as persoas con discapacidade poidan densenvolver o seu proxecto de vida”, explicaba Fabiola García.
Non se esqueceu da campaña en azul que estamos a levar a cabo dende Amicos: “Todas as rúas e escaparates de toda a comarca do Barbanza se vestiron de azul para reclamar a igualdade das persoas con discapacidade”.
Para concluir, loou a actividade da Asociación: “Amicos traballa sen descanso pola loita das persoas con discapacidade con todo o cariño e mimo”.
Recalcou que a Xunta seguirá traballando por unha Galicia xusta e igualitaria, sen esquecerse da comarca do Barbanza a prol de convocar novas prazas públicas para persoas con discapacidade.
Dende o Concello de Ribeira, acompañounos Manuel Ruiz Rivas, alcalde do Concello xunto con outros concelleiros da corporación. “A sociedade ten un problema cando non recoñece as capacidades de todos, temos que buscar canles a través da educación e o traballo”, expoñía Manuel Ruiz.
Dende Amicos, Digna Iglesias, vicepresidenta da Asociación, agradeceu a todos os asistentes por acompañarnos na visibilización do TEA: “Queremos que dentro das súas capacidades teñan acceso a todos os medios”, indicaba Digna.
Tamén estiveron presentes outros edís da comarca: José Santiago Freire Abeijón, alcalde de Noia; José Ramón Romero García, alcalde de Boiro; Magdalena Pérez Millares, concelleira de Servizos Sociais de Porto do Son.
Para pechar o acto, os nosos compañeiros obsequiaron a todos os persoeiros institucionais con unhas pulseiras feitas por eles para conmemorar este día.
Estímase que 7 millóns de persoas teñen Trastorno do Espectro do Autismo en Europa. En España, máis de 450.000 persoas e en Galicia 27.000. Para elas, o acceso á educación e ao emprego non son só un dereito, senón tamén factores chave para a súa calidade de vida. Por iso dende Amicos, consideramos que é moi importante visibilizar crear conciencia para unha sociedade máis inclusiva para todas as persoas con autismo.
CAMPAÑA #AZULÍZATE POLO AUTISMO
Amicos leva dende a semana pasada cunha campaña de suma en azul para todos os comercios e concellos da comarca que está sendo todo un éxito. Os comercios, administracións e establecementos de hostalería do Barbanza están a derrubar as barreiras sociais en torno ao autismo pondo en azul os seus escaparates.
Múltiples motivos, letras e produtos en azul, a cor representativa dos Trastornos do Espectro Autista (TEA), xa están a adornar estes días os locais.
Ademais os concellos de Noia, Porto do Son, Ribeira, Boiro, Rianxo e a Pobra sumáronse a esta iniciativa pondo unha pancarta nos seus edificios municipais. Esta lona foi feita na nosa Fábrica Social polos usuarios de Amicos.
O obxectivo é tinguir de azul os escaparates e as rúas do Barbanza para que a cidadanía tome conciencia da importancia de romper as barreiras en torno as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) facendo unha sociedade máis accesíbel para todos.
Amicos solicita especialmente aos comercios que remitan fotografías para poder socializar a mobilización a través das redes sociais, nós difundiremos as fotografías entre os máis de 5.000 seguidores.