Esta mañá celebramos, dende Amicos, a clausura do Programa Integrado de Emprego 2020-2021 no Auditorio Municipal de Ribeira, na Coruña. Foi unha xornada na que se puxo de manifesto o gran labor que realizamos na sociedade, sobre todo, en canto a creación de igualdade de oportunidades e inserción laboral.

Judit Fontela Baró, Xefa Territorial de Emprego e Igualdade, estivo presente no acto e quixo destacar a importancia de mostrar as experiencias vividas, pois son o reflexo real do programa, e agradeceunos o noso traballo. Tamén fixo referencia ao “compromiso, ilusión e implicación dos alumnos, empresas, entidades e concellos” que axudan a que o PIE sexa posible.

Ademais participou no acto, Manuel Ruiz, Alcalde de Ribeira; Digna Iglesias, Vicepresidenta de Amicos, que fixo un “chamamento para que nos sigan apoiando nestes proxectos” e Xoán España, Director Xeral de Amicos, que recalcou a importancia de “tecer unha rede que permita crear as oportunidades que todo o mundo necesita” para poder facer “esta sociedade un pouco mellor”.

E, tampouco podían faltar as empresas colaboradoras e as alumnas participantes. Ambas partes recibiron unha acreditación polo agradecemento e interés mostrado dende que se iniciou o PIE en novembro de 2020 e tiveron a oportunidade de contar as súas experiencias.

Elena Garrido, Directora de Recursos Humanos do grupo Jealsa, denominou a Amicos como “compañeiro de viaxe” e resaltou a importancia de crear “emprego de calidade para que as persoas atopen un lugar onde se poidan desenvolver persoal e profesionalmente”.

As alumnas participantes no Programa Integrado de Emprego 2020-2021 tamén foron as protagonistas desta xornada. Nerea Ajeitos Martínez foi a representante das súas compañeiras presentando o acto; Mariám García del Río e Maria del Carmen Vara contaron as sensacións que viviron durante o curso.

No PIE do último ano, 122 mulleres participaron nas accións de formación e orientación. Entre as beneficiarias, hai 27 mulleres con discapacidade, 31 mulleres son menores de 30 anos con baixa cualificación e 14 mulleres están en situación de risco de exclusión social. A duración total en horas da formación impartida foi de 1929 horas.

O obxectivo do proxecto é mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral de persoas en situación de desemprego. Gracias ao PIE, 66 mulleres participantes no Programa encóntranse traballando na actualidade e 39 de elas xa cumpliron tres meses desenvolvendo as súas funcións nunha empresa.

O proxecto foi posible gracias a financiación da Xunta de Galicia, o Servicio Público de Emprego Estatal, o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.