• Unha xornada para coñecer de preto como Amicos integra a inclusión social e a conservación ambiental nun mesmo modelo de traballo.
• A visita incluíu actividades de sensibilización, voluntariado ambiental e un percorrido polo noso Hospital de Corais, referente na recuperación dos ecosistemas mariños.

O equipo de Galaica Consultoría Integral participou nunha xornada de inmersión para coñecer de preto o noso modelo de atención centrado na persoa e as nosas iniciativas de conservación ambiental.

Comezamos a visita no noso Centro de Atención Integral de Boiro, onde o equipo de Galaica participou en distintas actividades de sensibilización e puido coñecer como traballamos para que cada persoa desenvolva o seu propio proxecto de vida cos apoios que precisa.

Despois desprazámonos á praia para realizar unha acción ambiental xunto aos nosos axentes medioambientais. Durante a actividade recollemos residuos mariños, clasificámolos, analizámolos e realizamos a correcta xestión dos materiais recollidos, mostrando como pequenas accións contribúen á conservación dos ecosistemas costeiros.

A xornada continuou coa visita ao noso Hospital de Corais, situado na Lonxa de Ribeira, onde demos a coñecer o traballo que desenvolvemos para contribuír á recuperación dos ecosistemas mariños a través da conservación de corais e da sensibilización ambiental.

Pola tarde retomamos as actividades cunha nova acción de conservación centrada na eliminación de especies exóticas invasoras nun contorno fluvial e na análise da calidade da auga. Esta actividade permitiu achegar a Galaica outra das iniciativas ambientais que impulsamos desde Amicos para a protección da biodiversidade.

A visita permitiunos compartir con Galaica o noso modelo de traballo e amosar como a inclusión social e a conservación ambiental forman parte das iniciativas que desenvolvemos cada día. Encontros como este favorecen o intercambio de coñecementos e fortalecen a colaboración con organizacións comprometidas coa sustentabilidade.

Para máis información:
981 865 716
658 753 047
hola@amicos.org