- Esta primeira alianza contempla a cesión dunha parcela municipal, na que se realizarán actividades de rexeneración natural e integración social
- Javier Caínzos: “Este acordo é unha mostra de como, sumando esforzos, podemos lograr un impacto positivo na nosa comunidade”
O Concello de Curtis asinou este martes, 3 de setembro, o seu primeiro convenio de colaboración coa nosa asociación. Esta alianza contempla a cesión dunha parcela municipal para realizar labores forestais, ao tempo que se posibilita a inserción sociolaboral de persoas con discapacidade intelectual ou en risco de exclusión social, así como a realización de actividades de sensibilización ambiental.
O acto contou coa presenza do alcalde curtiense, Javier Fco. Caínzos, o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Medioambiente, Xuventude e Infraestructuras, Iván Maques e do director xeral do Grupo Amicos, Xoán España, ao que acompañou o coordinador da área de Alianzas con Persoas e Empresas da asociación boirense, Keltoi Cameán. Durante a reunión, exploráronse as posibilidades desta primeira alianza, coa que buscamos acadar tres obxectivos: a rexeneración natural da parcela, a integración sociolaboral de persoas con discapacidade intelectual e a sensibilización da poboación sobre o coidado medioambiental e a inclusión social.
A importancia da suma de esforzos para conseguir o cambio
Trala firma do acordo, o alcalde do municipio coruñés quixo destacar que “este convenio de colaboración non só reforza o noso compromiso coa inclusión sociolaboral das persoas con discapacidade, senón que tamén promove a preservación dos espazos verdes do noso concello así como a sensibilización medioambiental. Este acordo é unha mostra de como, sumando esforzos, podemos lograr un impacto positivo na nosa comunidade”
Pola nosa banda, o director xeral de Amicos mostrou “unha gran satisfacción establecer esta primeira alianza co Concello de Curtis, que esperamos se amplíe co paso do tempo. Este é un exemplo máis do importante que é que as entidades públicas e privadas sumemos esforzos para impulsar apostas dirixidas á construción dun futuro inclusivo e ecolóxico, no que tódalas persoas sexan actores activos, e no que as persoas con discapacidade son fundamentais”.
Un acordo para a preservación forestal, inclusión sociolaboral e sensibilización ambiental
Así, a asociación boirense prevé comezar a finais deste ano coas labores de preparación, adecuación e reforestación na finca ubicada no lugar de Gulpilleira. A través destas accións, traballarase tamén para orientar, formar e insertar laboralmente a persoas con discapacidade intelectual ou en risco de exclusión social nas ‘Ecobrigadas’, equipos cualificados e especializados en sectores como o forestal ou o mantemento de espazos verdes e xardíns, entre outros.
Outro dos obxectivos de Amicos para este acordo é a realización de actividades de sensibilización con escolares para concienciar á poboación sobre a importancia de preservar o medio ambiente e a necesidade de fomentar a inclusión das persoas con discapacidade intelectual como cidadáns de pleno dereito.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047