• Corenta e dúas mulleres participaron no programa Mulleres, discapacidade e prevención do maltrato, que realizou 1.077 sesións individuais e 1.720 horas de intervención.
  • O programa está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade, en colaboración co Plan Corresponsables e cofinanciado parcialmente pola Unión Europea a través do FSE+ Galicia 2021-2027

Os datos mostran que as mulleres con discapacidade están máis expostas ao maltrato e á violencia de xénero. Se ben estes son aínda incompletos porque moitos casos non se denuncian nin se rexistran, segundo un estudo do Observatorio Estatal da Discapacidade no 2025, máis do 65% das mulleres con discapacidade tería sufrido algún tipo de violencia ao longo da vida.

Aínda que non existen solucións máxicas, coñecer os propios dereitos, identificar situacións de violencia e contar con ferramentas para tomar decisións son pasos fundamentais para avanzar cara a unha vida máis autónoma. E con este obxectivo desenvolvemos desde Amicos o programa Mulleres, discapacidade e prevención do maltrato, dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Entre setembro de 2025 e agosto de 2026, 42 mulleres participaron na iniciativa, dúas máis que no ano anterior. Ao longo deste período realizáronse 1.077 sesións individuais, que sumaron 1.720 horas de intervención, fronte ás 1.655 do exercicio anterior.

O programa ofreceu un acompañamento personalizado para traballar diferentes aspectos relacionados coa prevención da violencia e o reforzo da autonomía. Entre eles estiveron o asesoramento legal e o coñecemento dos dereitos, a identificación de situacións de violencia de xénero, agresións e abusos sexuais, acoso ou discriminación, así como información sobre recursos sociais e institucionais.

Tamén se facilitaron ferramentas para a mediación e resolución de conflitos, derivación a recursos especializados e seguimento das necesidades de cada participante. Paralelamente, traballáronse habilidades persoais, sociais e laborais orientadas a reforzar a autodeterminación, a procura de emprego e a autonomía financeira.

Deste xeito, o programa busca que as mulleres participantes dispoñan de máis información, máis recursos e máis capacidade para exercer os seus dereitos e tomar decisións sobre a súa propia vida.

O programa Mulleres, discapacidade e prevención do maltrato está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade, en colaboración co Plan Corresponsables e cofinanciado parcialmente pola Unión Europea a través do FSE+ Galicia 2021-2027.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org