Polo Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo estivemos, na Praza do Concello de Ribeira, reivindicando máis apoio para as persoas con trastornos de espectro autista.  Entre todos cubrimos un mural describindo o que é para todos e todas nós ‘Unha viaxe feliz pola vida’, que é o lema da campaña do Autismo España deste ano. No mural léronse frases como “Na defensa dos dereitos das persoas con TEA. Feliz viaxe pola vida”, “O día do autismo non é un día, é todo o ano”, “Para que non sexan necesarios os días de concienciación”, entre outras.

Alfonso Pérez, o noso compañeiro do Fogar Amicos foi o representante de todas as persoas con autismo e, por todas elas leu un manifesto no que reivindicaba que se doten dos recursos necesarios para vivir en “una sociedad inclusiva y justa para todos los ciudadanos y ciudadanas”. Alfonso Pérez: “Hay que apoyarnos para que las personas conozcan nuestras necesidades reales y eliminar mitos y estereotipos que provocan discriminación”. Engadiu: “Necesitamos unidades de atención especializada integral a lo largo de todo el ciclo vital”.

Os compañeiros e compañeiras do noso CEEPR tamén quixeron lanzar a seguinte mensaxe para que todos e todas tomen conciencia da importancia de apoiar ás persoas con trastornos do espectro autista: “Axúdanos a xogar, axúdanos a ser feliz”.

Ademais, no acto acompañounos M. Emilio Pérez Outeiral, Segundo Tenente Alcalde de Ribeira, que nos deu as gracias por “traballar duramente pola integración” e recordou: “o Concello de Ribeira está sempre do lado de Amicos, esta é a súa casa e poden contar con nós para o que precisen”.

Luis Miguel Vázquez Carreira, Subdirector Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia: “Quero falar da importancia da implantación de un deseño universal pensado para todos”. Engadiu: “Queremos seguir avanzando para poder chegar a cubrir todas as necesidades das persoas con autismo facilitándolles apoios específicos para continuar coa súa educación, mellorar a súa formación e finalmente que poidan acceder a un emprego digno e de calidade”.

Pola súa parte, Silvia Agrafojo Filgueira, Concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Xuventude, Educación, Cultura, Sanidade e Deportes de Lousame destacou a importancia de “traballar todos xuntos para lograr a integración” e “a educación é clave para a integración social”.

Queremos agradecer a colaboración de todos os concellos do Barbanza, así como ás asociacións de empresarios e persoas que nos axudaron a dar un paso adiante polo autismo e  que aportaron o seu gran de area para concienciar a toda a sociedade da realidade das persoas diagnosticadas con trastornos do espectro autista. Grazas!

Axúdanos para que as persoas con autismo como Alfonso consigan o seu proxecto de vida 

AXÚDANOS