Hoxe inauguramos os obradoiros participativos de arte reciclado na rúa peatonal Pablo Iglesias próxima á entrada do mercado de Boiro de 10:00 a 14:00 horas. Todos os martes de agosto repetiremos ubicación co obxectivo de levar ás rúas a nosa principal mensaxe de inclusión das persoas con discapacidade na sociedade.

Esta acción de sensibilización permite aos participantes no taller coñecer o noso labor a través do desenvolvemento de algunhas das actividades que os compañeiros e compañeiras realizan no seu día a día. As personas con discapacidade seremos os guías dos talleres de arte reciclado e todos os materiais empregados foron recollidos nas diferentes limpezas de residuos mariños nas praias que levamos liderando durante todo o ano para os nosos proxectos ambientais como RE-MAR e Peneira.

As accións de sensibilización e concienciación repitiranse todos os mércores de agosto, tamén de 10:00 a 14:00 horas na Alameda de Pobra do Caramiñal e todos os xoves, no mesmo horario, na zona do Coliseo Noela de Noia.

A iniciativa ten lugar por segundo ano consecutivo debido a boa acollida dos obradoiros o ano pasado grazas ao noso equipo Badaboom. A través do proxecto de patios dinámicos inclusivos denominado ‘Badaboom y los patios japis’ créase un entorno inclusivo a través do xogo. O proxecto desenvólvese normalmente na hora do recreo nos centros escolares, pero debido ás vacacións de verán, as actividades terán lugar na rúa.

Dende Amicos queremos animar a todos os nenos e nenas e as súas familias a compartir estes talleres de arte reciclado para coñecer máis de cerca todas as actividades que se levamos a cabo na Asociación, como os diferentes proxectos medioambientais que levamos un tempo desenvolvendo.