Exposición de arte reciclado

O Centro Social de Boiro, que se atopa na Rúa Manuel María 1, acolleu unha Exposición de Arte Reciclado e un obradoiro inaugurado por Amicos.

A mostra está composta por 15 obras feitas con moita paixón polas persoas de Amicos. Cada peza está feita por materiais reciclados como plásticos, cartón, cunchas, xeso ou madeira.

“Dende a Asociación Amicos, traballamos para o desenvolvemento integral das persoas con discapacidade. Con esta finalidade levamos a cabo un taller de expresión artística, que nós coñecemos como EXPRESARTE”, explicaba Digna Iglesias, vicepresidenta da Asociación Amicos, que acompañou ao alcalde e aos nosos chicos e chicas nesta inauguración.

Con motivo do ano Xacobeo decidiuse fusionar o espírito ecolóxico e creativo, xurdindo esta exposición de obras sobre o camiño de Santiago con elementos reciclados e reutilizables: “Hemos utilizado plásticos, madera, conchas… lo hemos pasado muy bien”, indicaba Martín Remeseiro, un dos artistas que participou nesta mostra.

A colección é moi variada e creativa e está composta por obras que van dende os símbolos do Camiño, a universalidade do mesmo e as súas experiencias.

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, quedou moi impresionado coa calidade das obras: “Invitamos aos veciños a vir a esta exposición, que ademais está feita con materiais reciclados. É unha boa iniciativa para concienciar os nenos e ademais tamén se pon en valor o camiño de Santiago”.

A exposición estará aberta dende o 20 ata o 25 de xullo, polo que vos animamos a todos a que vos pasedes a vela. Ademais, durante a exposición levaranse a cabo obradoiros de Expresarte sobre o Camiño de Santiago con material reciclado ou reutilizado para nenos. O obxectivo é seguir transmitindo o valor do reciclaxe.

O obradoiro de Arte Reciclado está enfocado para nenos de ente 4 a 16 anos. Celebrarase o 20,21 e 22 de xullo de 11:00 a 13:00h no Centro Social de Boiro. Haberá un último día de formación o 24 de xullo no mesmo horario na Feira Eco-Lóxica de Boiro. A inscripción é libre e gratuita e pódese mandando un correo a hola@amicos.org.