A nosa asociación celebrou no Auditorio Municipal de Ribeira o acto de clausura do Programa Integrado de Emprego 2021-2022.

O Programa contou con 133 participantes dos Concellos de Boiro, Ribeira, Pobra do Caramiñal, Noia e Porto do Son.

Celebramos no Auditorio Municipal de Ribeira o acto de clausura do Programa Integrado de Emprego 2021–2022.
O obxectivo principal do Programa Integrado de Emprego é a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral das persoas en situación de desemprego mediante a combinación de accións de formación ocupacional, prácticas non laborais e prospección e mediación coas empresas.

O acto estivo guiado por Laura Castro, participante do Programa Integrado de Emprego 2021-2022.

María Sampedro Fernández, teniente Alcalde Ribeira, deu a benvida a todos e todas o acto recalcando que “Para o Concello de Ribeira é un privilexio contar cunha asociación como é Amicos, unha asociación que pon en valor ás persoas con discapacidade, neste caso, con respecto á inserción laboral. Quero felicitar a todo o equipo polo gran traballo realizado e por lograr os obxectivos marcados no programa”.

De seguido, Elísabet Casero San Juan, relatou a súa experiencia como participante no programa “Non sempre querer é poder, as persoas en ocasións cruzamos batallas que só se poden entender desde a experiencia de camiñar cos mesmos zapatos, aquí estamos, nais que só dispoñemos de horarios para traballar no tempo no que os nosos fillos están no colexio, nais de fillos con discapacidade, mulleres con persoas maiores ao seu cargo etc. Síntome orgullosa de representar a todo o grupo de compañeiros e compañeiras do programa integrado que tan difícil tiñámolo, pero que demostramos que era posible”. Logo de rematar deu paso a proxección do vídeo resumo do programa.

Continuou Xoan España, director Xeral de Amicos, que explicou os resultados alcanzados. Un dato que destacou é que dos 133 participantes no Programa Integrado de Emprego 2021-2022 de Amicos, 67 persoas accederon ao mercado laboral, dos cales 32 son homes e 35 mulleres. Todos e todas residen nos Concellos de Boiro, Ribeira, Pobra do Caramiñal, Noia e Porto do Son.

Ao redor de 84 participantes do Programa xa realizaron varios itinerarios formativos en comercio (175 horas), almacén e industria (80 horas) e limpeza (90 horas) polos cales recibiron o seu correspondente diploma. Xoan España animou a todos os participantes a que “Anímovos a seguir, ás veces non se consegue o éxito, pero é cuestión de insistencia, se seguimos insistindo e formándonos lograremos os nosos obxectivos”.

Do mesmo xeito, Digna Iglesias, vicepresidenta da Asociación Amicos, animou a todos e todas os participantes e “Aproveito para agradecer desde aquí todo o apoio e a confianza recibida, dos concellos, persoal técnico, empresas, participantes e moi especialmente do departamento de programas integrados de emprego da Xunta de Galicia pola confianza depositada no noso traballo”. 

Durante a duración do programa, asináronse 26 convenios de prácticas con empresas da comarca. Hoxe contouse coa participación de varias empresas, como é o caso de Margarita Hermo, directora de Relacions Institucionais na Corporación Jealsa, que deu a “Parabén a todos os participantes”. Engadiu: “As empresas temos que estar á beira da sociedade en xeral, como ben dixo Xoan, Amicos son persoas, e as empresas tamén, e en global somos persoas que apoiamos a persoas. Só quédame felicitarvos a todos en nome das empresas que colaboramos con Amicos, xa que é máis o que nos da Amicos que o que nós lle damos, Amicos permítenos ser diversos e crear empresas mellores ”.

O Programa Integrado de Emprego 2021 – 2022 está financiado pola Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal, Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social. Por iso se contou coa presenza hoxe de Zeltia Lado Lago, directora xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, para a clausura do acto e agradeceu o labor de Amicos, “Para o min é unha alegría estar hoxe convosco neste acto de peche que da conta do traballo ben feito ao longo destes 12 meses. Para finalizar quero poñer en valor o gran traballo de Amicos, porque sodes unha asociación que contribúe a ofrecer futuros mellores para persoas en situación de vulnerabilidade, unha entidade inspirada no valor da sociedade e que contades cunha experiencia de máis de 20 anos”.

Esta foi a segunda edición do noso Programa Integrado de Emprego, no que factor máis importante é a atención ás persoas con discapacidade e mulleres con dificultades de conciliación, en canto aos resultados sentimos moita satisfacción, non só polo dato cuantitativo de chegar a máis de 60 insercións, se non polo fomento da igualdade de oportunidades entre as persoas participantes.  

 

Noticias nos medios de comunicación:

LA VOZ DE GALICIA 

EL CORREO GALLEGO

O BARBANZA 

DIARIO DE AROUSA