Unha formación pertencente ao programa “Máis Emprego” de La Caixa desenvolto pola Asociación Amicos.

O pasado venres clausuramos o curso “Mozo/a de almacén” en Caldas de Reis. Esta formación pertence ao programa “Máis Emprego”, desenvolto en colaboración coa Fundación La Caixa e o Fondo Social Europeo.

Os doce alumnos participantes recibiron un diploma recoñecendo os seus esforzos. O curso durou 40 horas e dirixiuse a persoas desempregadas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

O encargado de impartir a ensinanza foi Jesús Martínez, da empresa ARA FORMACIÓN. Actividades así permiten achegar aos usuarios ao mercado laboral, fomentando a súa inserción laboral.

Ao acto acudiu o alcalde de Caldas de Reis, quen afirmou: “foi un pracer ceder este espazo para contribuír á formación dos que máis o precisan”. O concelleiro Jacobo Pérez engadiu, “este curso permite dar un paso máis cara atopar o traballo que precisades.”

Doutra banda, Miguel Beiro, responsable da área de Alianzas e Emprego de Amicos, quixo agradecer a participación dos usuarios. Recoñeceu o seu esforzo e animounos a ter unha boa actitude cara o mundo laboral.

Unhas emotivas palabras do presidente de Emdesfor pecharon o acto: “A actitude é o que vale no traballo e na vida. É todo. As limitacións témolas todos, pero sempre hai que manter o ánimo.”

Entre os asistentes atopábanse Marta Besada e Rosa Agrelo, dúas técnicas da asociación Amicos neste programa de “Máis Emprego”, que quixeron agradecer aos participantes o interese e tenacidade ao longo de todo o curso. Asemade, dedicaron unha palabras de agradecemento ao Concello de Caldas pola súa boa predisposición cedendo o espazo no que realizar a formación e permitindo que accións como esta sexan posibles.