- Os voluntarios/as continuaron cos labores de repoboación forestal na zona coa plantación de 300 marras
- A acción foi financiada pola Fundación KPMG España, e organizada en colaboración con Amicos e a Comunidade de Montes de Leiro
Unha trintena de voluntarios composta por familias, amigos e traballadores de KMPG Galicia e varios membros da Asociación Amicos e da Comunidade de Montes veciñais en man común de Leiro déronse cita no monte de Leiro, en Rianxo, a mañá do sábado 20 de abril. O encontro prodúxose no marco dunha xornada de voluntariado ambiental e inclusiva, co obxectivo de continuar cos labores de repoboación forestal iniciadas no terreo despois do incendio que asolou a zona no 2019.
A mañá comezou cunha primeira toma de contacto na que Miguel Beiro, responsable da área de Alianzas con Empresas e Persoas de Amicos, e Nuria Calo, responsable das Ecobrigadas da entidade, explicáronlle aos participantes información de interese para realizar as tarefas de reforestación. Tras iso, os e as participantes dividíronse en grupos para abordar a reposición de marras no terreo.
Así, a xornada resultou do máis enriquecedora e distendida. Durante a mañá, os voluntarios e voluntarias traballaron man a man para substituír un total de 300 pinos que non xerminaron durante a etapa de reforestación, nunha acción de alto impacto social e ambiental. Nela, os asistentes con discapacidade, neste caso traballadores das Ecobrigadas, foron os encargados de conducir a actividade compartindo o seu coñecemento forestal como axentes de sensibilización.
Alianzas de alto impacto social e ambiental
Con respecto a esta acción, Reina Fernández, técnica de Alianzas con Empresas e Fundacións de Amicos, quixo destacar que desde a entidade “estamos orgullosos de contar co apoio de KPMG España e da Fundación KPMG un ano máis. Este tipo de alianzas permítennos dar continuidade e acelerar os nosos proxectos de restauración dos bosques galegos e de inclusión socio-laboral”.
Asemade, sinalou que “grazas á fórmula do voluntariado corporativo e á participación de empregados de KPMG Galicia e as súas familias contribuímos a crear espazos inclusivos e de aprendizaxe para tódolos participantes”.
Pola súa parte, a responsable técnica das Ecobrigadas de Amicos, Nuria Calo, recalcou que “este tipo de iniciativas redunda na inserción laboral das persoas con discapacidade da zona, posto que axuda a establecer postos de traballo a través do servizo técnico que prestamos dende as Ecobrigadas no terreo”.
Tamén engadiu que os beneficios deste tipo de proxectos non solo son sociais, posto que a nivel ambiental “que as comunidades de montes colaboren con nós é positivo para ambas partes. Por un lado, a Comunidade de montes recupera terreos degradados, que neste caso sufriron un incendio, e Amicos establece unha plantación que nos axuda a reducir a pegada de carbono emitida pola nosa frota de vehículos”.
A cooperación como motor de cambio
Amicos mantén desde fai varios anos unha estreita colaboración coa Comunidade de Montes de Leiro para intentar revocar as consecuencias do incendio de 2019 na zona. Para iso, as Ecobrigadas desenvolven distintos labores de mantemento e reforestación nos terreos.
Por outra parte, esta é a segunda acción deste tipo organizada de forma conxunta pola Fundación KPMG España e a asociación Amicos. A primeira tivo como protagonista o monte Bralo de Rois, onde membros das Ecobrigadas, residentes de Amicos e voluntarios de KPMG Galicia plantaron máis de 700 pinos.
Así, esta acción está financiada pola Fundación KPMG España, e organizada en colaboración con Amicos e a Mancomunidade de Montes de Leiro.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047