• A entidade seguirá contando cun espazo na Casa da Xuventude os primeiros venres de mes para atender ás persoas con discapacidade demandantes de emprego en Silleda e na súa contorna
  • Un servizo que atendeu a máis de trinta persoas durante o pasado ano na localidade silledense

 

O noso coordinador da área de Alianzas con Persoas e Empresas, Keltoi Camean, e o orientador laboral Pablo Penide, achegáronse esta semana a Silleda para asinar a renovación do convenio de colaboración entre o consistorio e a nosa entidade. Alí reuníronse coa alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a concelleira de Benestar, Ángela Troitiño.

Esta alianza busca darlle continuidade á colaboración entre ambas entidades para desenvolver accións de cara a promocionar a integración social e laboral das persoas con discapacidade, mellorando a súa empregabilidade mediante asesoramento e a formación axeitada, ademais de realizar unha labor de sensibilización no municipio sobre a necesidade de integrar socialmente ás persoas con discapacidade.

Deste xeito, Amicos continuará a atender ás persoas con discapacidade que así o demanden todos os primeiros venres de cada mes no edificio municipal en horario de 09:00 a 14:00 horas. Un servizo que atendeu a máis de trinta persoas durante o pasado ano.

 

 

 

As sesións de orientación laboral inclúen, entre outros, un diagnóstico individualizado dos perfís e deseño de itinerarios personalizados, prospección empresarial, xestión de accións formativas ou o deseño, planificación e execución de accións grupais de orientación.

Durante o acto de sinatura, a alcaldesa destacou que con esta colaboración o municipio de Silleda dá un paso máis “na necesaria inclusión das persoas con discapacidade, que suman neste colectivo un novo referente”.

Pola súa banda, Keltoi Cameán, agradeceu a colaboración do Concello de Silleda que se suma a outras  localidades onde xa está a actuar Amicos, entidade fundada en Boiro no ano 2000.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org