- Na acción participaron un total de 35 persoas voluntarias, entre elas a directora de Sostibilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski e o seu xerente de Calidade e Medio Ambiente
- Esta acción enmárcase no convenio de colaboración asinado por ambas entidades no que se cofinancia iniciativas de coidado medioambiental, mostra do compromiso ecolóxico da compañía galega de distribución alimentaria
Este 23 de xullo vivimos unha nova mostra de que cando sumamos forzas, o impacto multiplícase. Así, un total de 35 persoas, entre axentes medioambientais e traballador@s de Amicos e membros do equipo de Vegalsa-Eroski ,compartimos unha xornada medioambiental única na illa de Sálvora, en pleno corazón do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. Unha xornada centrada no coidado e restauración do noso entorno mariño.
A aventura comezou no noso Centro de Atención Integral, onde Xoán España, o noso director xeral, e Miguel Beiro, responsable de Alianzas con Persoas e Empresas, recibiron a Gabriela González, directora de Sostibilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, a Ricardo Castro, o xerente de Calidade e Medio Ambiente; e a vari@s traballador@s de distribuidora galega.
Aquí visitaron o Laboratorio de Algas, onde cultivamos laminarias, auténticos bosques de kelp que logo devolvemos ao mar para recuperar hábitats mariños que son fogar de moitas especies. Logo pasamos ao porto de Ribeira, onde embarcamos rumbo á acción máis especial do día: a solta de gorgonias rehabilitadas no noso Hospital de Corais. Xunto ás laminarias, estas especies mariñas axudan a rexenerar fondos que precisan coidado urxente.
Unha vez na illa de Sálvora, continuamos a xornada con dinámicas de sensibilización para coñecer mellor este espazo único e o seu ecosistema autóctono. A quenda final foi para a recollida de residuos mariños, na que recollemos máis de 500 quilos de madeira tratada, que foron retirados das praias da illa grazas ao traballo incansable d@s trinta e cinco voluntari@s.

Unha alianza consolidada
Dende a súa formalización, a colaboración entre Vegalsa-Eroski e Amicos permitiu distintas accións medioambientais nas praias galegas no marco do programa Re-Mar. Esta trátase dunha iniciativa de valor compartido, na que participan distintos axentes sociais, con dous eixos de traballo: por unha banda, a recollida, clasificación e valorización dos residuos e, por outra, a formación en educación ambiental e a sensibilización nos colexios.
A colaboración con Vegalsa-Eroski consolídase ano tras ano. No marco do seu programa Céntimos Solidarios, a súa clientela donou máis de 25.000 euros o pasado xuño, que se destinarán a dar máis forza aos nosos proxectos medioambientais. Ademais, a cadea de supermercados aposta pola inclusión sociolaboral dando a oportunidade a participantes do noso Programa Integrado de Emprego de facer prácticas nos seus centros do Barbanza.
Para a directora de Sostibilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Gabriela González, “en Amicos atopamos o compañeiro de viaxe perfecto co cal poder contribuír a proxectos medioambientais que conten ademais cunha implicación real da comunidade local a través da inclusión social. Queremos agradecer a toda a entidade a confianza amosada sempre na nosa compañía para formar parte da súa rede e convidarnos a coñecer os proxectos persoalmente, como a visita de hoxe ”.
Pola súa banda, Xoán España quixo mostrar “o noso agradecemento a Vegalsa-Eroski e á súa colaboración desinteresada, polo seu compromiso coas persoas con discapacidade intelectual e co planeta. Este é o modelo de empresa que o mundo necesita, sobre todo para cambiar e transformar de forma positiva a realidade, posto que é unha empresa comprometida con entidades sociais de todo tipo, cos provedores locais, coa inserción laboral… unha empresa cuxo traballo diario e valores a converten en exemplo”.

Para máis información:
981 865 716
658 753 047


