• As actividades conducidas polos axentes medioambientais de Amicos buscan fomentar o coidado e a preservación da natureza da zona de influencia do Parque Nacional MT das Illas Atlánticas
  • Esta acción forma parte do proxecto Sensibilización e concienciación para un desenvolvemento sustentable da Área de Influencia Socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

A praia de Coroso volveu converterse este verán nun espazo de aprendizaxe e concienciación ambiental. Nela unha trintena de nen@s do CEIP O Grupo, acompañados por catro profesores e sete dos nosos axentes medioambientais, participaron nunha xornada de recollida de residuos mariños co obxectivo de coidar e preservar a natureza que nos rodea.

Durante unha mañá do máis divertida, o grupo conseguiu retirar máis de dez quilos de lixo e medio cento de cabichas. Todo isto baixo a supervisión das activistas Adriana, Zoraida, Thais, Luz e Sergio; xunto coas técnicas María José e Andrea.

Elas foron as encargadas de apoiar aos cativ@s durante a recollida, e mostrarlles como realizar a clasificación dos residuos de forma correcta para a súa reciclaxe. Esta experiencia permitiulles observar en primeira persoa o impacto do lixo no medio natural, fomentando a reflexión sobre o papel que cada un pode xogar na conservación do noso entorno.

A xornada completouse cunha visita ao Hospital de Corais da Lonxa de Ribeira, un espazo único onde os escolares puideron coñecer de preto a riqueza da fauna e flora autóctona do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, sempre a través de distintas actividades lúdicas. Ademais, aprenderon sobre os riscos que a contaminación supón para o ecosistema mariño e como é posible reducir este problema a través de boas prácticas cotiás.

Esta acción forma parte do proxecto Sensibilización e concienciación para un desenvolvemento sustentable da Área de Influencia Socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, financiado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Parques Nacionais e o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

 

 

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org