- Ao acto asistiron, ademais da delegada da Xunta na provincia da Coruña, do director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce; o director xeral de Amicos, Xoán España; o concelleiro de Servizos Sociais de Boiro, Raúl Romero, e o portavoz do PP local, Fernando G. Diéguez
- O noso director xeral quixo “animar ás institucións públicas a seguir así, a continuar no camiño de seguir formando a persoas no sector do apoio e os coidados”
O alumnado do AFD de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais 2025/26 viviu esta mañá unha das xornadas máis esperadas da súa formación: o evento de entrega de diplomas acreditativos.
Así, recibiron o título de mans da delegada da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo; do director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce; e do director xeral de Amicos, Xoán España. Tamén asistiron o concelleiro de Servizos Sociais de Boiro, Raúl Romero, e o portavoz do PP local, Fernando G. Diéguez. Unha representación institucional que pon en valor a importancia de sumar esforzos para seguir xerando oportunidades reais de inclusión.
A formación consistiu nun itinerario formativo de 415 horas deseñado para mellorar as súas competencias profesionais e abrir novas portas no ámbito laboral, tralo que as alumnas se formaron en ámbitos clave como a atención hixiénico-alimentaria, o apoio psicosocial, a comunicación ou a organización de actividades en contornos institucionais, ademais de contidos transversais como a igualdade, a sensibilización ambiental ou a prevención de riscos laborais. Formación útil, práctica e conectada co mercado laboral.
A delegada destacou precisamente ese impacto, a capacidade destas accións formativas para mellorar a empregabilidade e facilitar a obtención de certificados profesionais, coa visión da formación como unha das ferramentas máis potentes para construír inclusión real.

Pola súa banda, o noso director xeral quixo agradecerlle aos representantes institucionais que “se achegaran a Amicos a coñecer ao alumnado e a organización”, posto que “este é un exemplo de como aterran e chegan ás persoas as políticas activas de emprego, non se quedan só en falar de grandes números na Xunta. Como intentamos formar a profesionais para achegalos, neste caso, ao mundo sociosanitario; pero o máis importante, que persoas desempregadas reciban formación e práctica laboral, o que facilita a súa transición cara ao emprego”.
Así, rematou “animando ás institucións públicas a seguir así, a continuar no camiño de seguir formando a persoas no sector do apoio e os coidados, un ámbito con futuro e que todos e todas necesitaremos nalgún punto da vida”.
Tralo acto, tivemos a oportunidade de amosarlles de preto o noso día a día. Percorremos os distintos espazos do centro e foron as propias persoas que acoden a Amicos quen explicaron, en primeira persoa, como se desenvolven os obradoiros nos que participan. Un momento moi especial no que, máis alá das palabras, puideron ver o impacto do noso traballo.
Esta acción formativa enmárcase dentro do programa AFD da Xunta de Galicia, que segue apostando por unha formación para o emprego máis flexible, adaptada e conectada coas necesidades reais do tecido produtivo. Unha liña de traballo que nos permite seguir acompañando a persoas na construción do seu proxecto vital e profesional.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


