- A visita permitiu facer seguemento das obras de vivendas inclusivas do Saltiño e de Biomans, iniciativas apoiadas pola Fundación Nemesio Diez
- As representantes coñeceron o labor dos activistas medioambientais na conservación de gorgonias, laminarias e outros ecosistemas mariños e participaron na súa restauración
A mañá deste luns, 15 de xuño, recibimos a visita de María Satrustegui e María Biagosch, directora e coordinadora de proxectos da Fundación Nemesio Díez. Un encontro moi especial que nos permitiu compartir de primeira man o avance das nosas iniciativas que contan co apoio da fundación, e que buscan mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e crear novas oportunidades de inclusión social e laboral.
A xornada comezou cun percorrido polas vivendas inclusivas do Saltiño, en Boiro, onde puideron coñecer o estado das obras de adaptación. Un recurso pensado para ofrecer ás persoas con discapacidade un fogar accesible, confortable e adaptado ás súas necesidades, o que favorece a súa autonomía e o desenvolvemento do seu proxecto de vida.
A continuación, achegámonos á nave de Biomans, unha fábrica de biomasa que combina produción ecolóxica, recuperación forestal e xeración de oportunidades formativas e laborais para persoas con discapacidade intelectual e/ou en situación de vulnerabilidade. Unha iniciativa de economía verde e circular que se converte en motor de inclusión e desenvolvemento persoal.

Xa no Centro de Atención Integral de Boiro, as nosas visitantes descubriron o traballo que desenvolven os e as activistas medioambientais de Amicos, en especial o referente a restauración de fondos mariños no marco da segunda edición de CABALGA.
Eles e elas foron as persoas encargadas de explicarlles como se recuperan e rehabilitan as gorgonias a súa volta ao mar, por que son especies tan importantes para a biodiversidade mariña e cal é o proceso que seguimos para garantir a súa supervivencia. E non quedaron só na teoría, porque tamén se puxeron mans á obra e participaron no proceso da preparación destas especies para a súa futura reintrodución nos fondos mariños.
Tamén nos achegamos con elas ao Laboratorio de Macroalgas, onde cultivamos laminarias desde as súas fases máis iniciais ata que están listas para regresar ao ecosistema. Alí puideron coñecer as condicións técnicas necesarias para o desenvolvemento dos gametófitos, así como o traballo diario que realizan os activistas para contribuír á recuperación dos bosques mariños do Atlántico.
Como peche da xornada, desprazámonos ata as augas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, na contorna de Sálvora, para participar nunha acción de restauración de fondos mariños. Durante a saída, vimos sobre o terreo como se realizan as soltas das especies restauradas, os criterios técnicos que se teñen en conta para a súa implantación e o seguimento posterior que permite avaliar a súa evolución.
Máis aló de coñecer proxectos e instalacións, esta visita serviunos para compartir experiencias e para agradecer o compromiso da Fundación Nemesio Díez, un aliado fundamental para avanzar en iniciativas que melloran a calidade de vida das persoas con discapacidade e crean novas oportunidades de inclusión laboral, factores vitais para construír unha sociedade cada día máis inclusiva.
Cabalga II conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxia e o Reto Demográfico, a través do programa PLEAMAR, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) da Unión Europea.

Para máis información:
981 865 716
658 753 047


