• Dez persoas participaron no curso de Actividades de Orientación e Desenvolvemento no Medio, centrado na conservación e intervención en espazos naturais.
  • Catro participantes incorporaranse este verán ás nosas Ecobrigadas para traballar nas illas Ons e Cíes.

Este venres celebramos en Pontevedra o acto de clausura e entrega de diplomas do curso de Actividades de orientación e desenvolvemento no medio, unha formación na que participaron dez persoas e que marca o peche dun itinerario cheo de aprendizaxe, esforzo e ilusión.

O acto tivo lugar na sede de Ara Formación, onde acompañamos ao alumnado na entrega dos diplomas e puxemos en valor todo o camiño percorrido durante estes meses.
Esta acción formativa foi impulsada por Amicos co apoio de Inserta Emprego e da Fundación ONCE, entidade de referencia na formación e inserción laboral de persoas con discapacidade.

Durante o curso, as dez persoas participantes adquiriron coñecementos e competencias vinculadas á orientación, o desenvolvemento e a intervención en espazos naturais, ademais de habilidades prácticas para a conservación e o mantemento ambiental. Ademais, catro das persoas que participaron neste curso incorporaranse durante os meses de verán ás nosas Ecobrigadas de Amicos, traballando en contornos naturais tan especiais como as Illas Ons e as Illas Cíes. Alí desenvolverán tarefas de mantemento forestal, desbroce, limpeza de sendeiros e outras accións fundamentais para a conservación destes espazos protexidos.

 

 



No acto de entrega participaron Mercedes Pazos, técnica de Inserta Emprego da Fundación ONCE; Miguel Beiro e Keltoi Cameán, da área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, encargados da entrega dos diplomas ao alumnado.

Durante o encontro puxemos en valor o esforzo, a constancia e o compromiso demostrado por todas as persoas participantes ao longo da formación. Desde Amicos queremos seguir apostando por iniciativas que combinen capacitación especializada e oportunidades reais de emprego.

Como destacou Keltoi: “este tipo de iniciativas permiten que a formación se traduza en oportunidades reais de emprego e experiencia profesional, facilitando que as persoas participantes desenvolvan o seu proxecto de vida en igualdade de oportunidades”.

Para nós, esta experiencia volve demostrar algo fundamental: cando a formación está conectada co territorio e coas necesidades reais do mercado laboral, convértese nunha porta aberta ao futuro.

Seguimos traballando para impulsar a inclusión social e laboral a través de formacións prácticas, especialmente en sectores vinculados á sustentabilidade ambiental e á conservación do noso patrimonio natural.

 


Para máis información:
981 865 716
658 753 047
hola@amicos.org