• A familia de Amicos reuniuse en Praia Xardín para celebrar unha das festas máis especiais do calendario galego
  • A busca das sete herbas, os xogos tradicionais e o conxuro da queimada marcaron unha xornada chea de convivencia e diversión

 

Nada nos gusta máis na familia de Amicos que unha boa festa, e o San Xoán é unha das que máis desfrutamos. Por iso levamos toda a semana contando os días para a chegada do 23 de xuño, e con el a gran celebración na que nos embarcamos cada ano.

Por iso, este martes volvemos reunirnos para compartir unha xornada chea de tradicións, xogos e momentos para desfrutar en compañía.

O escenario elixido foi o merendeiro de Praia Xardín – Parque Estuario de Boiro, onde pasamos un día diferente rodeados de natureza e dun ambiente inmellorable. A mañá arrancou coa tradicional busca das sete herbas de San Xoán. Equipados con moita curiosidade e ganas de participar, fomos localizando xesta, fiuncho, herba luisa, fento, romeu, malva e abeloura, descubrindo ao mesmo tempo o significado desta tradición tan arraigada na cultura galega.

Despois chegou a quenda dos xogos tradicionais, que puxeron a proba a nosa habilidade, coordinación e, sobre todo, as ganas de pasalo ben. Unha mañá na que non faltou a diversión.

 

 

 

E como toda boa festa merece unha pausa para recuperar enerxías, compartimos tamén a tradicional comida de San Xoán, na que non só descansamos, senón que tamén pasamos tempo xuntos.

Xa pola tarde, rematamos a celebración coa representación do tradicional conxuro da queimada. Foron varios amicos e amicas os encargados de explicar os pasos da súa preparación e de compartir con todos os presentes esta tradición tan ligada á noite máis máxica do ano.

Non se nos ocorre mellor forma de darlle a benvida a un verán que chega cargado de actividades, saídas, campamentos e novas experiencias. Ocasións nas que o importante é seguir compartindo tempo xunt@s.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org