• A formación permitiu ao alumnado prepararse para superar o exame de Prevención de Riscos Laborais necesario para acceder a postos na industria alimentaria
  • A iniciativa enmárcase no programa +Emprego Galicia, impulsado por Amicos en colaboración coa Fundación “la Caixa” no marco do programa +Empleo

 

Este venres reunímonos na Casa da Xuventude de Ribeira para facer entrega dos diplomas ás dez persoas que participaron na formación de preparación para o exame de Prevención de Riscos Laborais promovido por Amicos no marco do programa +Emprego Galicia, en colaboración coa Fundación ‘la Caixa’ ao abeiro do programa +Empleo, deseñada especificamente para persoas cun nivel moi básico de español.

Acompañáronnos neste acto a concelleira de Xuventude de Ribeira, Carmen Pérez; o director xeral de Amicos, Xoán España; o coordinador da área, Keltoi Cameán; e a delegada de zona de NEXO 8 ETT, Luisa Vidal. Ambas invitadas foron as encargadas de entregarlle ao alumnado os seus diplomas acreditativos.

Como nos conta Keltoi, o coordinador da nosa área de Alianzas con Persoas e Empresas, “este curso naceu dunha necesidade moi concreta que nos trasladaron dende Nexo ETT., empresa aliada da nosa entidade, e que tamén detectamos no noso traballo diario, como é o feito que persoas con ganas de traballar e con oportunidades laborais reais diante, atopaban dificultades para superar unha formación obrigatoria debido á barreira idiomática. O noso obxectivo foi adaptar os contidos e a metodoloxía para que ninguén quedase atrás por ese motivo”.

 

 

 

 

Con isto en mente, o equipo de Inserta2 Ribeira adaptou os contidos e a metodoloxía para facilitar a aprendizaxe e preparar ao alumnado para afrontar con garantías o exame de Prevención de Riscos Laborais, un requisito imprescindible para acceder a numerosos postos na industria alimentaria, de gran presenza na nosa comarca.

Pola súa banda, a concelleira de Xuventude de Ribeira, destacou  importancia de iniciativas deste tipo dirixidas ao importante número de persoas migrantes que hai no municipio e que buscan insertalas no mercado laboral. O Concello de Ribeira non só foi un gran apoio na difusión desta formación, senón tamén e na cesión do local no que impartimos este e outros cursos dirixidos a colectivos vulnerables.

Ao longo da formación, as persoas participantes adquiriron coñecementos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, reforzando así as súas posibilidades de incorporación ao mercado laboral. Moitas delas continúan agora o seu itinerario personalizado de inserción laboral da man do equipo de Amicos, acompañándoas na procura de novas oportunidades profesionais.

O programa Inserta2 Ribeira (+Emprego Galicia) combina orientación laboral, formación e acompañamento individualizado para favorecer a inclusión sociolaboral de persoas con especiais dificultades de acceso ao emprego. Neste sentido, iniciativas como este curso permiten adaptar os contidos ás necesidades reais dos participantes e achegar respostas eficaces ás demandas das empresas.

O equipo de Inserta2 Ribeira está traballando cun total de 100 persoas no marco do programa. Nesta primeira metade do ano, un 80% delas participou nunha ou varias formacións de alta demanda no mercado laboral da zona, e xa se acadaron un total de 25 insercións laborais.

 

 

 

 

NOVAS EN MEDIOS

EL CORREO GALLEGO

DIARIO DE AROUSA

O BARBANZA

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org