- O acordo permitirá incorporar novas solucións tecnolóxicas, equipamentos adaptados e sistemas avanzados de rehabilitación, estimulación e atención personalizada.
- A colaboración supón un novo impulso á transformación dixital de Amicos e á creación de contornas máis accesibles, innovadoras e centradas nas persoas.
A conselleira de Política Social e Igualdade visitou este sábado o Centro de Atención Integral de Amicos para asinar un convenio de colaboración coa nosa entidade que nos permitirá seguir avanzando na modernización dos servizos e na incorporación de novas ferramentas tecnolóxicas ao servizo das persoas con discapacidade e/ou en situación de dependencia.
Durante a xornada, tivemos a oportunidade de compartir coa conselleira o traballo que desenvolvemos diariamente e os retos aos que nos enfrontamos para seguir ofrecendo apoios cada vez máis personalizados, innovadores e adaptados ás necesidades de cada persoa.
O acordo supón un importante impulso para continuar mellorando os recursos dos nosos servizos mediante a incorporación de novas solucións tecnolóxicas, equipamentos adaptados e sistemas avanzados de rehabilitación, estimulación e atención personalizada, reforzando así a autonomía, o benestar e a calidade de vida das persoas usuarias.
Entre as actuacións previstas atópase o equipamento da ampliación do Fogar Amicos con recursos adaptados ás diferentes necesidades de apoio, favorecendo unha atención máis segura, confortable e personalizada durante as 24 horas do día.

Ao mesmo tempo, continuaremos avanzando na modernización dos espazos de fisioterapia e rehabilitación coa incorporación de nova tecnoloxía especializada e sistemas de apoio á recuperación funcional, orientados a potenciar as capacidades e a autonomía das persoas.
As melloras chegarán tamén ás salas de estimulación multisensorial do Centro de Atención Integral e do CEEPR, permitindo ofrecer intervencións máis individualizadas para favorecer a comunicación, a regulación sensorial, a participación activa e o desenvolvemento persoal.
Este convenio supón ademais un novo paso no proceso de transformación dixital iniciado por Amicos nos últimos anos. Reforzaremos as infraestruturas tecnolóxicas, modernizaremos os procesos internos de atención e seguimento e incorporaremos novas ferramentas que facilitarán unha intervención máis coordinada, eficiente e personalizada.
A innovación estará tamén presente nas actividades de libre elección a través da incorporación de tecnoloxías como a impresión 3D, a creación audiovisual e outros recursos dixitais que abrirán novas oportunidades de aprendizaxe, creatividade e participación para as persoas que forman parte de Amicos.
Todo este proceso irá acompañado dun plan específico de formación para os equipos profesionais, garantindo un uso seguro e eficaz das novas ferramentas e asegurando que a tecnoloxía continúe sendo un instrumento ao servizo das persoas.
Durante a visita, a conselleira percorreu tamén as instalacións do centro e coñeceu de primeira man os avances das obras de ampliación do Fogar Amicos, un proxecto estratéxico para a entidade que permitirá ampliar a capacidade residencial e seguir respondendo á crecente demanda de apoios individualizados.
Desde Amicos seguimos convencidos de que a innovación só ten sentido cando contribúe a mellorar a vida das persoas, aumentar a súa autonomía e crear máis oportunidades de participación e inclusión na comunidade.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047
hola@amicos.org


