• Vinte participantes do proxecto AMI4CEI completaron un curso de Monitorado de comedor e transporte escolarorientado á mellora da súa empregabilidade
  • A formación permitiulles adquirir competencias clave para acompañar ao alumnado en contornas educativas e reforzar o seu perfil profesional

 

Un total de vinte participantes do proxecto AMI4CEI completaron entre o 16 e o 30 de xuño un curso en liña de Monitorado de comedor e transporte escolar. A acción formativa, dirixida a persoas desempregadas con discapacidade e/ou en situación de vulnerabilidade, responde ao compromiso do proxecto por ofrecer unha formación útil, adaptada ás necesidades reais do mercado laboral e orientada a ampliar as oportunidades de acceso ao emprego.

Ao longo de corenta horas de formación, o alumnado afondou en contidos fundamentais para o desempeño deste perfil profesional, como o funcionamento dos comedores e do transporte escolar, as funcións do persoal monitor, a educación nutricional, a actuación ante situacións de emerxencia e evacuación ou o valor educativo do xogo como ferramenta de aprendizaxe e convivencia.

O principal obxectivo desta formación foi que as persoas participantes adquirisen os coñecementos e competencias necesarias para desenvolver o seu labor con seguridade, responsabilidade e confianza, mellorando así a súa preparación para acceder a novas oportunidades laborais nun sector con demanda de profesionais.

 

 

Un proxecto innovador para impulsar o emprego inclusivo

AMI4CEI, que permanecerá activo ata finais de 2026, aposta por unha metodoloxía centrada nas persoas, favorecendo unha comunicación fluída entre empresas e participantes e ofrecendo un acompañamento continuo ao longo de todo o itinerario de inserción. Para iso, incorpora ferramentas TIC innovadoras, como solucións baseadas en intelixencia artificial e un software de xestión do talento integrado na nosa páxina web.

A través deste traballo buscamos favorecer tanto a incorporación ao mercado laboral de persoas con discapacidade intelectual e/ou en situación de vulnerabilidade como a consolidación dos empregos inclusivos xa acadados.

AMI4CEI é unha iniciativa impulsada por Amicos, financiada polo Programa de Emprego, Formación, Educación e Economía Social (EFESO) e cofinanciada polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) para o período 2021-2027, a través da Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), na súa condición de organismo intermedio do programa EFESO.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org