- Durante a xornada retiráronse da praia de Carragueiros un total de 45 quilos de residuos mariños
- A iniciativa, desenvolvida no marco de Comprométete cos ODS, combinou acción ambiental e sensibilización para achegar á rapazada o valor de coidar o medio mariño desde a participación e a inclusión
Esta semana o noso equipo de activistas medioambientais e a rapazada que participa no campamento de Santa María do Castro reuníronse na praia boirense de Carragueiros para realizar unha nova actividade do proxecto Comprométete cos ODS, impulsado por Amicos e desenvolvido no marco do VI Plan Social ENCE Pontevedra 2026.
Un total de 35 persoas, das que 22 eran nenos e nenas participaron nunha xornada de limpeza do litoral guiada polos nosos activistas. A actividade permitiu retirar 45 quilos de residuos mariños, contribuíndo á conservación dun dos espazos naturais máis emblemáticos do municipio.
Pero a xornada foi moito máis que unha recollida de lixo. Ao longo da mañá, os participantes tomaron parte en diferentes dinámicas de sensibilización centradas na correcta separación dos residuos, a reciclaxe e a importancia de adoptar hábitos responsables para reducir o impacto ambiental das nosas accións. Dunha forma práctica e participativa, a rapazada puido comprobar como pequenos xestos do día a día poden marcar unha gran diferenza na protección dos ecosistemas mariños.

As actividades estiveron conducidas polos activistas medioambientais de Amicos, que compartiron cos máis novos a súa experiencia na conservación do medio natural e puxeron en valor o papel que cada persoa pode desempeñar no coidado da contorna, independentemente da súa idade ou das súas capacidades.
Esta iniciativa forma parte de Comprométete cos ODS, un proxecto que promove a inclusión social a través da participación activa, a educación ambiental e a xeración de oportunidades para as persoas en situación de maior vulnerabilidade. Ao mesmo tempo, contribúe a achegar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible á cidadanía, demostrando que a protección do medio ambiente e a construción de comunidades máis inclusivas avanzan sempre da man.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047

