• As Ecobrigadas de Properdis realizan tarefas de tala selectiva para reducir o risco de incendios e favorecer a conservación dos espazos naturais.
  • Monte Vivo ENCE desenvolvese por parte de Properdis co apoio do VI Plan Social ENCE Pontevedra 2026

 

Coa chegada do verán chega tamén o risco dos incendios forestais, e xa foron varios no que levamos estación, tanto en Galicia como no resto de España.

En materia de prevención, é vital retirar certas especies para manter o monte máis san e preparado fronte aos incendios. Esta é unha das tarefas que están a facer as nosas Ecobrigadas de Properdis no marco de Monte Vivo ENCE, un proxecto ambiental e social que desenvolvemos grazas ao apoio do VI Plan Social ENCE Pontevedra 2026.

Entre as actuacións que se están desenvolvendo sobre o terreo están os traballos de tala selectiva, que consisten en retirar árbores danadas, enfermas ou que medraron con demasiada densidade. Deste xeito, redúcese a acumulación de biomasa e a continuidade da vexetación, favorecendo a conservación do monte e contribuíndo á prevención dos incendios forestais.

Non se trata, polo tanto, de cortar por cortar. Cada actuación responde ás características e necesidades do terreo, buscando mellorar o seu estado e favorecer un equilibrio máis axeitado da masa forestal.

E nesta tarefa son as persoas con discapacidade intelectual das Ecobrigadas as que participan activamente nestes traballos, demostrando que o coidado da natureza tamén pode ser un espazo de participación, aprendizaxe e emprego.

Monte Vivo ENCE combina estas actuacións de silvicultura preventiva con traballos de roza e limpeza e con accións de sensibilización ambiental. Porque para previr os incendios non abonda con actuar cando chegan as lapas: tamén é necesario preparar, coidar e coñecer o monte durante todo o ano.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org