- A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou xunto aos director@s xerais de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, nunha nova xornada de restauración ambiental cos activistas medioambientais de Amicos
- Na acción participaron tamén o concelleiro de Servizos Sociais de Ribeira, Vicente Mariño, e a concelleira de Cultura de Ribeira, Ana Isabel Barreiro Rego.
- A colaboración entre a Xunta de Galicia e Amicos continúa a dar pasos adiante na inclusión e recuperación de fondos mariños, no marco da que se realizará unha proba piloto para recuperar himanthalia elongata
A familia de Amicos e a Consellería de Política Social celebramos esta mañá, 10 de setembro, unha nova xornada de restauración de fondos mariños na Ría de Arousa. Durante esta, realizamos a solta dun total de 600 soportes de laminaria para restaurar os bosques de kelp da zona, que se suman aos traballos realizados no marco do noso proxecto conxunto, que aposta pola inclusión das persoas con discapacidade intelectual como axentes activos na restauración medioambiental.
Pero non estivemos sós e soas, @s nos@s activistas medioambientais estiveron acompañados pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo; o concelleiro de Servizos Sociais de Ribeira, Vicente Mariño, e a concelleira de Cultura de Ribeira, Ana Isabel Barreiro Rego.
Así, a mañá centrouse na solta dun gran número de soportes en distintos puntos das augas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, en concreto nos arredores de Sálvora. Onde tamén puidemos ver, gracias ao estado das augas, alguns dos bosques de kelp que levamos sementando dende o comezo dos nosos proxectos de restauración de fondos mariños.

Ademais, o noso director xeral adiantounos algo de información sobre unha proba piloto para a restauración da alga parda Himanthalia elongata no marco desta alianza social e medioambiental coa Consellería. Unha macroalga coñecida comúnmente como ‘espagueti de mar’.
Como balance, Fabiola García destacou que “Amicos é un referente non soamente en toda a comarca, senón tamén en Galicia e en España, por poñer en marcha multitude de proxectos realizados por persoas con discapacidade, que día a día nos demostran as súas capacidades e as súas habilidades. Desde a Xunta de Galicia, sen dúbida algunha, imos seguir colaborando con Amicos, non soamente no centro de día, no centro ocupacional ou na nova residencia para persoas con discapacidade, que acaba de financiar a Xunta de Galicia, senón tamén poñendo en marcha cada vez máis prazas públicas que lles dean esa atención de calidade a todas as persoas con discapacidade”.
Pola súa banda, Xoán España sinalou que “en primeiro lugar, moitas grazas a todos os que estades aquí e, sobre todo, á xente da Consellería de Política Social, á directora xeral, ao director e, sobre todo, á conselleira Fabiola, por unirse a nós, non só por financiar e apostar pola inclusión das persoas con discapacidade e por proxectos innovadores, senón tamén por participar activamente, porque iso marca moito a forma de construír e de facer”.

“Que se impliquen persoalmente, que veñan a coñecer, que participen e que queiran facelo de primeira man significa que, aparte de ser, están, o que tamén é importante. Moitas grazas por estar, por unirvos, por participar, por acompañarnos neste día e por apostar tanto pola inclusión das persoas como co coidado do planeta. Para nós, iso é moi importante”.
Esta iniciativa é posible grazas ao apoio da Consellería de Política Social e Igualdade a través axudas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


