• Coñecimos de primeira man como funciona o Concello de Lousame e achegámonos ao traballo das persoas que forman parte del.
  • Visitamos diferentes espazos do Concello, falamos cos seus responsables e aprendemos como se toman as decisións públicas.

 

No proxecto Cidadanía Inclusiva estamos a vivir moitas aventuras que nos están permitindo coñecer de primeira man como funcionan as institucións e como podemos participar na vida pública.

Xa visitamos concellos, conversamos con representantes públicos e coñecimos profesionais que traballan cada día para que as decisións que se toman desde as institucións cheguen á cidadanía. Pouco a pouco iremos contando todas estas experiencias porque comprobamos algo moi importante: a nosa voz, as nosas preguntas e tamén as nosas opinións son importantes.

Nesta ocasión visitamos o Concello de Lousame, onde nos recibiron o alcalde, Esteban Ares; Silvia Agrafojo Filgueira, primeira tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais; Mariel Agrafojo Nieto, concelleira de Deportes, Parques e Xardíns; e Paula Ares, secretaria e interventora do Concello.

 

 

A visita comezou no salón de plenos. Alí aprendemos que é o lugar onde se debaten e votan proxectos e onde se toman decisións importantes para o concello, como a distribución do orzamento.

O alcalde tamén nos explicou cales son as súas funcións e como é o seu día a día. Ademais, tivemos a oportunidade de poñernos no seu lugar: sentámonos nos postos dos concelleiros e participamos como se fósemos nós quen tivésemos que debater e opinar sobre os asuntos públicos.

Despois visitamos o despacho da secretaria e interventora do Concello. Ela explicounos cales son as súas funcións e a importancia do seu traballo para que as decisións do Concello se leven a cabo correctamente.

Para rematar, fomos ao despacho do alcalde, onde tivemos unha conversa máis tranquila con el e puidemos coñecer tamén o seu bastón de mando.

 

 

Foi unha visita chea de preguntas, aprendizaxes e conversas. Marchamos moi contentos porque cada vez entendemos un pouco mellor como funcionan os concellos e, sobre todo, porque comprobamos que tamén temos un lugar na vida pública.

O proxecto Cidadanía Inclusiva axúdanos precisamente a iso: a coñecer as institucións, as persoas que traballan nelas e os nosos dereitos como cidadáns e cidadás. A saber que podemos preguntar, opinar, propoñer e participar.

E isto non remata aquí.

Seguiremos percorrendo concellos e outras institucións, coñecendo persoas e descubrindo novos espazos de participación. E, por suposto, seguiremos contando por aquí todas estas aventuras.

 

 

Para máis información:
981 865 716
658 753 047
hola@amicos.org