• Os nosos activistas medioambientais guiaron unha nova xornada de recollida e separación de residuos na praia de Bastiagueiro, na Coruña

 

O pasado venres volvemos á praia para coidar da nosa contorna. Desta vez foi en Bastiagueiro, na Coruña, onde compartimos unha nova xornada de recollida e separación de residuos xunto a Altia.

Participamos 30 persoas: 17 de Altia e 13 de Amicos, entre profesionais, activistas medioambientais e membros do noso equipo. Unha mañá de traballo en equipo, aprendizaxe e convivencia na que, unha vez máis, os nosos activistas tiveron un papel protagonista.

Durante a xornada percorremos o areal na procura de residuos, prestando especial atención aos máis pequenos, que moitas veces pasan desapercibidos. En total, conseguimos retirar máis de 7 quilos de lixo, entre os que destacaron numerosos fragmentos de plástico de menos dun gramo.

 

 

Tamén recollemos 149 cabichas, un dos residuos que atopamos con frecuencia nas nosas praias e que, a pesar do seu pequeno tamaño, ten un impacto importante sobre a contorna.

Os nosos activistas medioambientais foron os encargados de acompañar o grupo durante a actividade e de explicar como identificar e separar correctamente os diferentes tipos de residuos. Unha vez máis, compartiron os seus coñecementos e a súa experiencia no coidado do medio mariño, demostrando que tamén son axentes activos na protección da nosa contorna.

Para nós, estas xornadas son moito máis ca unha limpeza de praia. Son espazos para aprender, compartir e participar. Tamén son unha oportunidade para visibilizar o traballo que realizan os nosos activistas medioambientais e o papel que poden desempeñar as persoas con discapacidade no coidado e na sensibilización sobre a nosa contorna.

 

 

Ademais, esta xornada dá continuidade á colaboración que mantemos con Altia, con quen xa compartimos outras accións de voluntariado e sensibilización ambiental. Xuntos seguimos sumando esforzos para coidar as nosas costas e promover unha sociedade máis sostible e inclusiva.

Grazas a todas as persoas que participaron e que fixeron posible esta nova xornada. Seguimos traballando para que cada acción, por pequena que sexa, contribúa a coidar mellor o mar e a nosa contorna.

 

Para máis información:
981 865 716
658 753 047