- Un total de 117 alumnos e alumnas participaron nas tres xornadas levadas a cabo en maio no centro
- Amicos do Mar, parte dunha iniciativa financiada por SEO/BirdLife e Ecoembes a través do programa Libera: natureza sen basura
O CEIP ADR Castelao converteuse nun verdadeiro taller de creatividade e compromiso ambiental durante o pasado mes de maio. O centro acolleu tres xornadas de arte reciclado promovidas polos nos@s activistas medioambientais, nas que participaron un total de 117 nenos e nenas. A actividade está organizada por Amicos no marco do proxecto Amicos do Mar, parte dunha iniciativa financiada por SEO/BirdLife e Ecoembes a través do programa Libera: natureza sen basura, coa que se busca fomentar unha cidadanía activa e responsable co medio ambiente.
Durante a xornada, o alumnado do centro participou nun obradoiro dinámico e participativo onde, da man dos activistas ambientais de Amicos, puideron crear obras artísticas a partir de refugallos recollidos en distintas limpezas de praia impulsadas pola nosa entidade. Botellas de plástico, anacos de rede, tapóns ou envases transformáronse en peixes de cores, esculturas mariñas e mensaxes con conciencia. Todo para dárlle unha segunda vida ao lixo e reflexionar sobre o impacto dos residuos nos ecosistemas acuáticos.
A través da arte, os máis pequenos aprenderon a importancia de coidar os nosos mares e ríos, así como que como pequenas accións locais poden ter un grande efecto global. Nas tres accións, os axentes medioambientais divertíronse e sensibilizaron a 117 escolares e 11 profesor@s.

Inclusión e sustentabilidade: unha mesma loita
Un dos piares fundamentais de Amicos do Mar é traballar pola inclusión das persoas con discapacidade como axentes activos do cambio social e ambiental. Así, nesta iniciativa, mozos e mozas con discapacidade intelectual foron os protagonistas. Encargados de compartir coñecementos, liderar dinámicas e demostrar que a defensa do medio ambiente é unha tarefa de todas e todos.
Unha mirada cara ao futuro
Esta acción de concienciación súmase a outras desenvolvidas ao longo do ano nas praias de Cabeiro, Boa Grande, Boa Pequena, Espiñeirido e O Pozo do río Sieira, zonas nas que se traballa para poñer en valor os ecosistemas acuáticos, promover a súa recuperación ambiental e conectar a saúde do medio coa calidade de vida da cidadanía.
O proxecto Amicos do Mar busca contribuír á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 e aliñarse co Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027, apostando por unha ecoloxía social que pon no centro ás persoas e ao planeta.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


