- Presentamos Ronsel do Mar II na Universidade da Coruña, dentro de «Cafés Viaxeiros», un espazo de encontro e debate impulsado pola Facultade de Turismo. Nesta ocasión, compartimos a nosa experiencia traballando por un turismo máis accesible e inclusivo.
En AMICOS seguimos traballando para que todas as persoas poidan gozar dos espazos, dos servizos e das experiencias en igualdade de condicións.
Esta semana, Sonia Fuentes, Yassin e Adriana participaron nunha xornada sobre turismo inclusivo impulsada por Cafés Viaxeiros da Universidade da Coruña. Foi un espazo para aprender, compartir experiencias e reflexionar sobre como podemos facer que o turismo sexa máis accesible para todas as persoas.
Durante a xornada escoitamos as intervencións de Andrea Rey, especialista en accesibilidade, e Ana Leiras, do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) e especialista en turismo accesible.
Despois chegou a nosa quenda. Desde AMICOS, presentamos o proxecto Ronsel do Mar II, compartimos a nosa experiencia e explicamos como traballamos para detectar e eliminar barreiras que poden dificultar que unha persoa goce dun espazo, dun servizo ou dunha actividade turística.

A accesibilidade tamén é comprender
Cando falamos de accesibilidade, moitas veces pensamos en eliminar barreiras físicas. Pero existen outras barreiras que tamén poden dificultar que unha persoa se desenvolva con autonomía.
Por iso, o noso traballo céntrase especialmente na accesibilidade cognitiva e no uso dunha linguaxe clara.
Avaliamos espazos, servizos e contidos para identificar que pode resultar difícil de comprender e buscamos solucións sinxelas que permitan que máis persoas poidan orientarse, comprender a información e tomar as súas propias decisións.
Traballamos para eliminar barreiras en contornos físicos, dixitais e institucionais.

Un turismo pensado para todas as persoas
O turismo inclusivo non consiste unicamente en adaptar un espazo. Significa pensar desde o principio na diversidade das persoas que van utilizalo.
Unha persoa pode necesitar unha sinalización máis clara, outra pode precisar información nun formato diferente e outra pode necesitar que lle expliquemos un servizo utilizando palabras sinxelas.
Todas estas necesidades deben terse en conta.
Participar en xornadas como esta permítenos compartir o que facemos, pero tamén aprender doutras persoas e profesionais que traballan por un turismo máis accesible.
Desde AMICOS queremos seguir achegando a nosa experiencia para construír contornos máis fáciles de comprender, máis accesibles e nos que todas as persoas poidan participar.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


