Na mañana do 31 de maio levamos a cabo en Amicos un webinar de RE-MAR para presentar os resultados, finalizada a primeira etapa do proxecto. “RE-MAR busca reforzar o vínculo entre os sectores pesqueiros e máis estreitamente ligados ao mar, a poboación local e os visitantes das nosas costas, todo elo, liderado polas persoas con discapacidade”, iniciaba na presentación, Digna Iglesias, Vicepresidenta da Asociación Amicos.

Rita e Digna.

INTERVENCIÓNS

No comezo das intervencións interviu Javier Remiro, coordinador da Fundación Biodiversidad, o cal explicou o Programa Pleamar, e como o Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP) fixo posible darlle vida a RE-MAR. “Amicos comparte nuestro entusiasmo por un mar más verde y un planeta más azul, poniendo en marcha el Programa Pleamar”, indicaba Javier.

Esta iniciativa non sería posible sen o Parque Nacional Marítimo – Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, xa que se converteu en socio de Amicos para levar a cabo o proxecto. Jose Antonio Fernández (Pepín), Director Xeral do Parque, explicou as iniciativas que fixemos conxuntas: “Conseguimos un modelo de desenvolvemento inclusivo baseado na conservación do entorno litoral e mariño das nosas reservas naturais”.

Dentro das accións de divulgación e sensibilización que levamos a cabo, contamos coa participación de centros educativos que se sumaron á recollida de lixo das praias. Gustavo Romero, Director do CEIP Santa Baia, non se quixo perder esta xornada. O seu colexio foi un dos participantes para axudar a concienciación dos máis pequenos da casa no coidado do medioambiente e na inclusión social das persoas con discapacidade.

As Cofrarías de Pescadores de Cabo de Cruz, Rianxo, Aguiño e a Illa de Arousa participaron moi activamente durante todo o programa nas accións de recollida e na consecución de boas prácticas na xestións dos residuos das súas embarcacións. “Sensibilización, sensibilización e sensibilización”, é no que considera que hai que incidir Manuel Pérez, patrón maior da cofradía de Cabo de Cruz. “Estamos moi agradecidos de poder colaborar con asociacións como Amicos para seguir conservando o medioambiente”, así se sumaba Juan José Rial Millán, patrón maior da Cofradía da Illa de Arousa ás palabras de Manuel.

Participantes do webinar I.

O programa tamén contou coa axuda de diferentes entidades empresarias como Ardora que nos axudou a construir a Guía de Boas Prácticas e o Selo Buque Azul. Tamén Ecoplanin, que elaborou titorías para o Campus Virtual de RE-MAR: “Non podemos normalizar un mundo cheo de lixo”, indicaba Miguel Fernández, xestor ambiental de Ecoplanin. A empresa Esquío, púxonos en marcha unha App para xeolocalizar residuos, avistamentos de aves e incluso retos ambientais.

Macarena Fernández, residente da Asociación e participante con discapacidade e beneficiaria do proxecto, quixo concluir explicando todos os resultados que conseguimos. A última intervención foi a de Tino López, técnico do Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro, en representación de Susana Rodríguez, Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Co traballo de todos logramos que RE-MAR sexa un proxecto exitoso e isto motívanos a seguir apostando por este tipo de proxecto. Despois dun ano e medio, e despois de ter que suspender por completo as colaboracións a causa da COVID-19, poder retomar os procesos participativos con esta implicación e colaboración por parte de todos tivo moito valor para a Asociación e hoxe recolléronse os froitos cos resultados.

Participantes do webinar II.

RESULTADOS DE REMAR-I:

Esta primeira fase do proxecto levouse a cabo dende novembro de 2019 ata maio de 2021.

  • Accións de recollida de residuos no mar cun total de 475kg de lixos mariños recaudados.
  • Dúas saídas de recollida con pescadores e mariscadores nas que participaron as Cofradías de Pescadores de Rianxo e da Illa de Arousa.
  • Dúas saídas con asociacións de buceo coas empresas Portosub e Náutica Medusa para facer limpeza de fondos.
  • Creación dunha App de concienciación cidadá con cincuenta usuarios rexistrados.
  • 33 persoas formadas a través das accións formativas.
  • Un selo participativo de garantía Buque Azul con catro Cofradías de Pescadores: Cabo de Cruz, Rianxo, Aguiño e A Illa de Arousa. Vinte e unha auditorías realizadas a embarcacións.
  • Tres saídas de recollidas de lixo con colexios: CP Santa Baia de Boiro, IES Espiñeira, CEIP plurilingüe de Abanqueiro.
  • Un xogo creado para as accións de divulgación e sensibilización: O xogo do lixo mariño.
  • Un Campus Virtual creado con formación online e tutoriais.