A Ecobrigada de Amicos comezou o pasado veneres a recollida de residuos mariños dos areias de Porto do Son para a súa posta a punto para o verán.

Está previsto actuar na totalidade de praias no concello, empezando pola praia de Hornanda ou Gaivotas e percorrendo toda a liña de costa ata chegar ao concello de Ribeira, como por exemplo as praias de Aguieira, Caveiro, Fonforrón, Suigrexa, Arnela, Baroña, Queiruga, ou Coira.

Estanse a retirar unha media duns 75 quilogramos de residuos por día, un total de case 300 kg. Ademais de recoller os residuos, a Ecobrigada encárgase de identificalos, clasificalos e pesalos, polo que ata o momento, retiráronse das praias de Porto do Son un total de 197 kg de plástico, 8 kg de vidro, 2 kg de papel e 83 kg de mistura de restos. A previsión é que cando rematen os traballos este venres o total de residuos mariños retirados das praias sexa duns 450 kg.

“O que estamos recollendo maioritariamente son envases de plástico e redes” indica Daniel Ares, capataz da Ecobrigada encargada da limpeza. Indica que malia todo, ve que a xente cada vez está mais concienciada con non tirar lixo nos areais: “Na praia de Baroña, unha turista inglesa achegouse para indicarnos onde atopara máis plásticos para que pasaramos recollelos”, explicaba Daniel.

A brigada encargada desta actuación está constituída por un capataz e tres operarios con discapacidade intelectual en risco de exclusión social.

Esta acción, financiada polo Concello de Porto do Son, está en liña coa política ambiental de Amicos e está en liña coas accións desenvolvidas dentro do proxecto RE-MAR, promovido por Amicos e Financiado pola Fundación Biodiversidad dentro do programa pleamar e financiado por fondos FEMP. Este proxecto ten como obxectivo a redución de lixos mariños a través das persoas con discapacidade como motor de cambio e intenta fomentar a participación de institucións, traballadores do mar e a poboación en xeral.