- Pola Costa – Per loca marítima é unha iniciativa posta en marcha por Amicos co apoio da Xunta de Galicia no marco do Camiño Xacobeo 2027
- O proxecto comezou cun obradoiro de fotografía no que participaron algunhas das persoas que acoden ao Centro de Día e ao Fogar Amicos, que combinou fotografía, patrimonio e natureza
En xullo embarcámonos no proxecto Pola Costa – Per loca marítima para redescubrir o Camiño de Santiago ‘A Orixe’, que ten o seu inicio en Corrubedo, e transcorre polos concellos do Barbanza, Dodro e Padrón; ata unirse ao camiño portugués a partir de Iria Flavia.
A iniciativa, posta en marcha por Amicos co apoio da Xunta de Galicia no marco do Camiño Xacobeo 2027, comezou cun obradoiro no que a fotografía se converteu na mellor aliada para descubrir o valor do territorio. Nela participaron persoas do Centro de Día e do Fogar Amicos, e a través desta disciplina descubriron o potencial dunha imaxe para contar historias, transmitir emocións e poñer en valor a contorna que rodea este percorrido.
Durante a formación coñeceron a historia desta ruta e algunhas das lendas máis representativas da tradición xacobea, como a da chegada por mar dos restos do Apóstolo Santiago e o seu posterior descubrimento. Tamén descubriron a riqueza paisaxística e patrimonial que agocha este itinerario e recibiron nocións básicas de fotografía que lles permitirán captar con outros ollos cada recuncho que visiten.
Asemade, amosaron unha gran ilusión por poder poñer en práctica o aprendido nas próximas saídas, nas que terán a oportunidade de fotografar sobre o terreo os espazos polos que discorre esta ruta xacobea, e poñer a proba as dúas dotes como fotógraf@s!

Así, este obradoiro é só o primeiro paso dun proxecto que continuará con novas actividades. Ademais das saídas aos diferentes municipios polos que transcorren os camiños de costa, tamén se levarán a cabo accións de divulgación e promoción dirixidas a escolares e participantes en campamentos de verán, co obxectivo de achegarlles a historia, o patrimonio e os valores do Camiño de Santiago dunha maneira participativa e adaptada ás diferentes idades.
O proxecto abrangue municipios vinculados a tres itinerarios xacobeos de costa como son A Orixe, Arousa e Ulla e o Camiño Portugués e nace coa finalidade de poñer en valor o seu patrimonio natural e cultural, fomentando unha conexión máis estreita entre as persoas e o territorio, o primeiro paso para conservalo e compartilo coas xeracións futuras.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


