• Achegámonos ao Estaleiro do Ciprián acompañados dos maiores do Centro de Día de Boiro para descubrir de preto un oficio ligado á nosa cultura marítima.
  • Ronsel de Mar é unha iniciativa de Fundamar e Amicos, que conta co apoio da Rede Eusumo da Xunta de Galicia

 

Hai oficios que son parte da historia dun territorio, das súas xentes e da relación que mantemos co mar, e a construción tradicional de barcos de madeira é un deles. E para coñecela de preto, no marco de Ronsel de Mar, achegámonos ata o Estaleiro do Ciprián, en Broña.

Na visita participaron oito persoas maiores do Centro de Día de Boiro, dous activistas de Amicos e cinco profesionais, que puideron coñecer de primeira man como se constrúen e restauran estas embarcacións e todos os coñecementos que hai detrás dun oficio tan ligado á nosa identidade marítima.

A través dunha visita guiada, descubrimos os diferentes procesos e materiais empregados na construción dos barcos de madeira e, sobre todo, a experiencia e o saber facer que se transmitía de xeración en xeración. Unha oportunidade para mirar con outros ollos un patrimonio que forma parte da paisaxe e da memoria das nosas comunidades costeiras.

 

 

 

 

Esta visita forma parte de Ronsel de Mar, a iniciativa impulsada por Amicos e FUNDAMAR co apoio da Rede Eusumo da Xunta de Galicia, que traballa para que o patrimonio marítimo-pesqueiro sexa tamén un espazo de inclusión, participación e oportunidades.

O proxecto busca avanzar cara a un modelo marítimo máis accesible e inclusivo, achegando ás persoas con discapacidade a actividades relacionadas coa cultura mariñeira, o turismo e a posta en valor do litoral. Ao mesmo tempo, pretende xerar novas oportunidades de formación e emprego e impulsar a figura dos Axentes de Turismo Inclusivo, capaces de conectar patrimonio, persoas e territorio.

Porque coñecer o noso patrimonio tamén é unha forma de coidalo. E cando conseguimos que ese patrimonio sexa accesible e compartido por todas as persoas, facémolo aínda máis valioso. Un obxectivo co que nace Ronsel de Mar, que continuará navegando nos próximos meses con máis visitas, encontros e experiencias para seguir descubrindo todo o que o noso mar ten que ofrecer.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org