• A acción tivo lugar na praia das Sinas, en Vilanova de Arousa, e nela participaron vintecinco voluntarios e voluntarias
  • Os e as voluntarias recolleron un total de 76 quilos de residuos mariños

 

Esta semana a praia das Sinas, en Vilanova de Arousa, converteuse no escenario dunha nova acción de limpeza organizada por Amicos e Pan do Mar. Un total de 25 voluntarios e voluntarias, entre os que se atopaban axentes medioambientais e traballadores da asociación, uniron forzas para retirar residuos mariños e sensibilizar sobre esta gran problemática para os nosos océanos.

Ao longo da mañá, grazas ao esforzo colectivo, recolléronse 76,1 quilos de lixo, dos cales 2,5 quilos foron de plásticos, 1 quilo de vidro, 0,1 de papel e case 200 cabichas. Ademais de limpar a costa, realizouse unha actividade de sensibilización ambiental, clasificando e pesando todos os residuos atopados para concienciar sobre a variedade e a orixe do lixo que chega ás nosas praias.

Pedro Lois, portavoz de Pan do Mar, destacou que esta colaboración constante con Amicos “combina coidado do mar, sensibilización medioambiental das xeracións máis novas e a inclusión das persoas con discapacidade. Aspectos que nos preocupan e polos que traballamos de forma continua dende Pan do Mar”.

Miguel Beiro, responsable da área de Alianzas con Persoas e Empresas da nosa entidade, agradeceulle aos voluntarios o seu traballo, e destacou que “no que vai de ano, recollemos case 3,5 toneladas de residuos en distintas accións de limpeza mariña. Aliados como Pan do Mar son importantísimos para o coidado e a preservación do medioambiente, posto que o seu impacto positivo a nivel social é incalculable”.

Desde Amicos agradecemos de corazón o compromiso de cada persoa voluntaria que fixo posible esta xornada, así como o apoio de Pan do Mar, que demostra que a unión entre empresas, entidades e comunidade é clave para protexer o noso mar.

 

 

 

 

NOVAS EN MEDIOS

O BARBANZA

FARO DE VIGO

LA VOZ DE GALICIA

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org