Hoxe, Día Mundial dos Océanos, é unha desas datas especiais para que todos e todas tomemos conciencia da necesidade de coidar dos nosos océanos. Este ano conmemoramos o día de hoxe lembrando que os océanos son vida e subsistencia, posto que o 71% da superficie terrestre é océano, que serve como fonte de alimentos e obtención de medicinas para a poboación. Ademais, os océanos absorven grandes cantidades de dióxido de carbono e xeran osíxeno. Son unha parte fundamental para a vida, aínda que cada vez están máis contaminados.
Xa se levan anos falando e investigando sobre as cinco ‘illas de plástico’ que se atopan repartidas entre os Océanos Pacífico, Atlántivo e Índico. Aproximadamente, a cantidade de lixo ocupa ao redor de 1.400.000 km2, pero non para de crecer. Esta cantidade de lixo mata a miles de especies mariñas, contamina e, en consecuencia, acelera o cambio climático. Este é un dos maiores e máis claros síntomas da crise ambiental que sofre o noso planeta.
Por iso, dende Amicos levamos a cabo varios proxectos medio ambientais para concienciar a toda a sociedade da importancia de facer unha boa xestión e reciclado dos residuos. É necesario a implicación de todos para que estas illas de plástico non sigan crecendo.
Como xa todos e todas coñecedes, co noso proxecto RE-MAR involucramos a todos os traballadores do mar, empresas, usuarios locais e a comunidade escolar para que xuntos cambiemos o mundo a mellor. Ofrecemos formación e as ferramentas necesarias para que cada persoa, de maneira individual, aprenda a xestionar os residuos. Podes ver todos os cursos que ofrecemos facendo click aquí: RE-MAR III.
Ademais, realizamos limpezas de lixo mariño en praias e mares, así como análises de ríos para comprobar o nivel de contaminación nas nosas augas. Este último domingo estivemos en Cíes, limpando a praia e o fondo do mar coa colaboración de varias empresas de mergullo, como podedes ver no noso anterior post e onte analizamos o Río Ulla coa colaboración do IES Camilo José Cela de Padrón.
Mañá estaremos en Muxía realizando unha limpeza de praia Os Muíños co colexio Os Muíños e esta fin de semana faremos unha limpeza de praia na Illa de Cortegada e unha recollida de lixo mariño en Kaiak na zona da desembocadura do río Ulla coa colaboración da empresa Corticata.
En canto a Peneira, onte estivemos a facer unha limpeza de lixo mariño na praia da Ladeira, pertencente ao Parque Natural de Corrubedo. Contamos coa colaboración do CEIP Plurilingüe de Artes, e xuntos recollemos máis de 16 quilos de plástico. Explicámoslle a importancia de reciclar correctamente estes residuos para que non acaben no mar e sigan formando illas de plástico.
Coidar dos océanos é unha tarefa de todos. Porque sen eles non hai vida. Únete ás nosas seguintes actividades: