• Os amicos e amicas celebraron esta festividade cun concurso de baile no que versionaron o mítico Thriller de Michael Jackson, e premios aos mellores disfraces e cabazas
  • A xornada tamén contou coa participación dos rapaces e o equipo do centro de Oleiros e varias familias dos beneficiarios

 

Coa chegada do Samaín, os zombies conquistaron o Centro de Atención Integral de Amicos en Boiro este martes, 31 de outubro. Durante a mañá, os amicos e amicas participaron nun concurso de baile, para o que se caracterizaron e bailaron como as persoaxes do mítico videoclip Thriller de Michael Jackson. A festa contou tamén cun desfile e coa celebración dun concurso de cabazas e outro de disfraces, nos que tamén participou a rapazada do Centro de educación especial de Oleiros que, xunto a varias familias, se uniron á celebración.

 

 

A xornada máis terrorífica do ano comezou ben cedo para os amicos e amicas, que se someteron a unha longa sesión de maquillaxe e caracterización para poñerse na pel dos aterradores zombies de Thriller, temática escollida este ano para a festa do Samaín de Amicos. Así o fixeron tamén os Pekes do centro de Ribeira, que sorprenderon cuns disfraces do máis terroríficos.

A festa deu comezo sobre as 12.20 horas, cun arrepiante desfile polos corredores do centro no que non faltaron a música e os sustos. A continuación, os dous grupos de baile dos beneficiarios do CAI de Boiro versionaron o coñecido tema de Michael Jackson. Todo baixo a atenta mirada dun gran número de familiares, que desfrutaron ao máximo do espírito escuro da xornada.

Tralas actuacións, o xurado formado por tres membros das familias elixidos ao azar entre o púplico, escolleu ao equipo de Pekes como o gañador do premio ao mellor disfraz e ao grupo da Fábrica Social como os mellores bailaríns. Por outra banda, as cabazas gañadoras do concurso foron a de Domingo e a de Yassin, Macarena e Adriana.

A diversión continuou pola tarde, despois dunha comida terrorífica, cunha serie de xogos temáticos e moita música e baile.

 

 

Preparándose para o Samaín

Durante esta última semana, a sede de Amicos en Comoxo foise convertendo nun verdadeiro cemiterio grazas á labor e creatividade tanto dos mozos e mozas como do equipo da asociación.

Ao longo da semana, varios talleres xiraron en torno á confección dos disfraces e a elaboración da decoración que adorna o centro. Os beneficiarios tamén puideron coñecer da man dos técnicos a orixe desta festa, que se remonta á celebración coa que os celtas celebraban o final do verán e lle daban a benvida ao inverno, para eles a época escura do ano en todos os sensos.

Os beneficiarios tamén participaron nunha das actividades máis tradicionais do Samaín, a decoración de cabazas, que foron expostas no corredor principal do centro de Comoxo.

 





NOVAS EN MEDIOS
DIARIO DE AROUSA
O BARBANZA

Para máis información:
T. 981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org