• Quince mulleres participaron no curso de operadora de carretilla elevadora, que corresponde ao itinerario de almacén
  • O obxectivo do programa é procurar a inserción sociolaboral das cen mulleres participantes

 

A cuarta edición do Programa Integrado de Emprego desenvolvido pola Asociación Amicos botou a andar este martes, 6 de febreiro, co comezo do curso de Operadora de carretilla elevadora. A formación, que pertence ao itinerario de almacén, realizouse ata o venres 9. O obxectivo do programa é procurar a inserción sociolaboral das cen mulleres participantes a través da mellora da súa capacitación, apoio, asesoramento e orientación laboral.

Este curso de operadora de carretilla conta coa participación dun total de quince mulleres. A formación ten unha duración de vinte horas, das que cinco corresponden á parte teórica, mentras que as restantes quince son prácticas. Esta segunda parte desenvolveuse no Servizo municipal de emerxencias de Boiro.

 

 

 

 

Unha vez rematado o curso, as participantes obterán o carné de carretilla elevadora. Asemade, as técnicas do programa en Amicos, Andrea Beiro e Marta Besada, están en contacto con distintas empresas da comarca do Barbanza para que as participantes poidan obter un emprego relacionado co itinerario que están a cursar. Os seus esforzos están especialmente dirixidos a negocios do sector conserveiro como Jealsa, de distribución alimentaria como Vegalsa-Eroski ou Gadisa, ou no pequeno e mediano comercio da zona.

O Programa Integrado de Emprego da Asociacion Amicos está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. Así, este é o cuarto ano consecutivo que se lle concede a esta entidade, co fin de atender a mulleres desempregadas de diferentes concellos do Barbanza. Nas tres edicións anteriores, esta axudou a máis de 360 persoas e conseguiu no último ano que máis de 200 de persoas se fixesen cun emprego.

A iniciativa, que se desenvolverá durante un ano, está enfocada nos sectores de comercio, atención á clientela e desenvolvemento de habilidades sociais, así como funcións de almacén, tanto en industria como no sector comercio.

Así mesmo, esta é unhas das moitas iniciativas que leva a cabo o departamento de Emprego da entidade barbanzá, que axuda a diario a máis de 1000 persoas e colabora con empresas de ámbito local, autonómico e nacional para favorecer a inserción laboral dos colectivos en risco de exclusión social.

 

 

 

NOVAS EN MEDIOS

O BARBANZA

LA VOZ DE GALICIA

DIARIO DE AROUSA

Para máIs información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org