• O evento celébrase na capital belga do luns 4 ao xoves 9 de marzo, impulsado pola Comisión Europea
  • Esta misión ten como obxectivo protexer e restaurar a saúde dos océanos e augas doces mediante a investigación e innovación

A Asociación Amicos está a participar esta semana no segundo Foro anual da Misión da Unión Europea: Restaurar os Nosos Océanos e Augas para 2030, que se celebra en Bruselas entre os días 4 e 9 de marzo. A través desta iniciativa, a Comisión Europea e os actores sociais que forman parte da mesma buscan protexer e restaurar a saúde dos océanos e augas doces mediante a investigación, a innovación, a participación cidadá e as inversións azuis.

A nosa entidade intervén nesta misión como axente activo co proxecto RE-MAR. Este céntrase na redución de residuos mariños a través da súa recollida e tratamento, pero vai máis alá ao poñer especial atención na organización de actuacións de prevención e sensibilización para evitar e reducir que se xeren ditos residuos.

Deste modo, en representación de Amicos viaxaron ata a cidade belga Manuel F. Sousa, técnico de Políticas e Proxectos Europeos da área de Transformación, e Keltoi Cameán, coordinador da área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos. Alí participaron o luns, 4 de marzo, nun evento previo no que tiveron a oportunidade de coñecer e establecer contactos con outros proxectos englobados nesta misión, asinantes e participantes na iniciativa e outras fundacións e organizacións invitadas.

 

 

Misión Restaurar os Nosos Océanos e Augas para 2030

Ao día seguinte, o martes 5, realizouse o Foro da Misión Restaurar os Nosos Océanos e Augas para 2030. A xornada comezou cun balance das accións e novidades do último ano, tralo que se realizou unha posta en común entre os actores participantes. Nesta tentouse buscar como implementar solucións innovadoras desenvoltas ao abeiro desta misión, e discutir sobre como todos os actores sociais, tanto públicos como privados, participan na consecución dos obxectivos fixados ao abeiro desta iniciativa. Entre estes obxectivos atópanse protexer e restaurar os ecosistemas mariños e de auga doce, así como a biodiversidade destas zonas; eliminar a contaminación e impulsar a economía azul.

Durante a mañá, o compañeiro Manuel F. Sousa presentou ante os e as asistentes en que consiste o proxecto RE-MAR (BlueHorizon). Tamén sinalou as principais accións realizadas en Galicia ao abeiro desta iniciativa, e puxo en valor o carácter inclusivo e accesible do programa.

Ao longo da terceira xornada, o mércores 3 de marzo, levarase a cabo un evento baixo o título ¿Que segue para os mares de Europa?. Este será unha especie de mesa redonda na que discutir sobre as necesidades e transformacións políticas, económicas, sociais e tecnolóxicas, que están tendo lugar tanto a nivel europeo como mundial. Tamén se intentarán predicir que tipo de repercusións teñen e chegarán a ter de cara ao ano 2050.

Por último, o xoves será o Día BlueInvest. Esta última xornada estará dirixida a canalizar iniciativas de inversión e innovación dentro da economía azul, promovendo a sostibilidade e o impacto transformador en todas as industrias. Así, os participantes poñerán en común as súas ideas e impresións sobre como aumentar a aceptación no mercado de tecnoloxías oceánicas innovadoras, tomar decisións de inversión intelixentes e escalar a financiación para unha economía azul sostible.

Proxecto RE-MAR

RE-MAR é un proxecto colaborativo que emprega a ciencia cidadá para reforzar a colaboración entre os sectores pesqueiros e máis estreitamente ligados ao mar, a poboación local e os visitantes das illas atlánticas de Galicia e a súa área de influencia. Todo isto coa finalidade de atopar un modelo de desenvolvemento endóxeno inclusivo baseado na conservación do entorno litoral e mariño.

Esta iniciativa está impulsada pola Asociación Amicos, e conta coa colaboración do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en condición de socio. Desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP.

 

Para máis información:

981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org