- Na iniciativa participaron un total de catorce mozos e mozas, tanto con como sen discapacidade intelectual
- As actividades, de forte carácter ambiental, están dirixidas a preservar o patrimonio natural e cultural galego, sempre dende unha perspectiva social, poñendo en valor unha visión inclusiva e solidaria
Esta semana puxemos o broche de ouro á quinta edición do noso Campo de Voluntariado Xuvenil, unha experiencia única que une inclusión e coidado do medio ambiente. Durante dúas semanas, catorce mozos e mozas menores de trinta anos, algúns deles usuarios do Fogar Amicos, compartiron vivencias inesquecibles mentres traballaban pola protección do noso patrimonio natural. A clausura celebrouse cunha nova acción de recollida de residuos mariños no Parque Nacional de Corrubedo, á que se sumou Pilar Sampedro, responsable da Área de Persoas de Amicos, para acompañar de preto a nosa mocidade voluntaria.
“Gústame moito facer novos amigos e sentir o cariño da xente, e tamén me encantou colaborar nas limpezas das illas e facer rutas polos sitios que visitamos”, contaba Víctor, un dos participantes.
A Teresa, chegada dende Toledo, o que a animou a anotarse neste voluntariado foi “que combina o social co medioambiental. A pesar de ter xente cercana con discapacidade nunca convivin con eles durante moito tempo, e a verdade é que foi unha experiencia incríble e un proxecto moi inclusivo, e na que fixemos un montón de actividades. Gustaríame que durase máis, fixemos un grupo moi unido”.

Este programa, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, demostra cada ano que a mocidade é clave para construír un futuro máis sostible e inclusivo. Como destacou Pilar Sampedro, ao dicir que “celebramos cada vez se unan máis mozos e mozas de fóra de Galicia para compartir esta experiencia con nós. É especial ver como, xuntos, aprenden a coidar da natureza e a convivir nun ambiente de lecer e amizade”.
A directora do Campo, Victoria Basteiro, resumía así a esencia do proxecto: “É o único Campo de Voluntariado que combina inclusión social e coidado ambiental. Sempre se xeran lazos moi fortes e é unha aprendizaxe continua para todos”.
Máis que unha experiencia ambiental
O noso Campo de Voluntariado non é só limpar praias. A mocidade convive, aprende e disfruta mentres traballa en espazos naturais tan valiosos como o Parque Natural de Corrubedo ou o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.
A súa base está no camping praia ‘Ría de Arousa’, na Pobra do Caramiñal, dende onde se desprazan a lugares como Sálvora, Corrubedo ou Carril para tarefas de conservación, identificación de especies, eliminación de plantas invasoras e moito máis.
Tamén hai tempo para reconstruír elementos patrimoniais, percorrer o Camiño de Santiago, visitar castros ou gozar de festas tradicionais. Todo co obxectivo claro de coidar da nosa contorna, vivir novas experiencias e construír un mundo máis xusto, diverso e sostible.
Grazas á nosa mocidade por demostrar que a inclusión é unha forza imparable e que o compromiso co medio ambiente tamén se constrúe facendo novos amigos.

NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


