• A nosa campaña de concienciación sobre o autismo deste ano conecta tecido empresarial, educativo e cidadán
  • Máis de 4.000 bolsas repartidas e accións de accesibilidade que converten a inclusión en algo próximo e compartido

 

O 2 de abril é o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, e como tal é un dos días destacados no calendario da familia de Amicos. Dende fai varios anos, por estas datas sempre desenvolvemos distintas campañas a través das que buscamos informar e sensibilizar sobre o trastorno do espectro autista, así como rachar con mitos e ideas preconcibidas que obstaculizan a inclusión e o coñecemento real das persoas con TEA.

E neste 2026 decidimos ir un paso máis alá, non limitarnos a contar coa participación do alumnado dos centros de educación, institucións e cidadáns da contorna, senón amplialo tamén ao tecido económico e empresarial. Activar toda a sociedade para achegarnos un chisco máis ao trastorno do espectro autista e ás persoas que o teñen, nunha iniciativa que é #maisqueunhacampaña.

Así naceu Rede que inclúe, unha iniciativa na que contamos coa colaboración da Asociación Boirense de Empresarios (ABE), a Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE), a Asociación de Empresarios de Riveira, a Asociación de Empresarios da Puebla do Caramiñal, a Asociación de Empresarios de Portosín (AEP) e Noia Histórica.

No marco da campaña, tódalas persoas que realicen compras nos negocios adheridos entre o 23 de marzo e o 12 de abril e garden o seu ticket, poden achegarse ao stand móbil de Amicos para canxealo por unha bolsa inclusiva. Un stand que, polo de agora, percorreu os municipios de Ribeira, Noia, Portosín, Boiro e A Pobra do Caramiñal, e que finalizará a súa viaxe este xoves, 9 de abril, en Rianxo.

A bolsa está decorada polo debuxo de Mencía, alumna de 5º de primaria do Colexio Bayón, que resultou o gañador do concurso escolar Autismo en liña, no que participaron moitos centros educativos da zona e a través dos que o alumnado mostrou como ven o autismo e como imaxinan unha sociedade inclusiva.

Ao longo da campaña, membros de Amicos con autismo e/ou discapacidade intelectual foron os encargados de poñerse ao fronte dos stands, nos que repartiron arredor de 4.000 bolsas.

 

 

 

 

Unha inclusión que pasa pola accesibilidade

Asemade, o 26 de marzo celebramos na sede do Parque Nacional Marítimo – Terrestre das Illas Atlánticas en Vigo o acto central da campaña, que consistiu na presentación dos traballos de accesibilidade realizados nas illas polo noso equipo de validación cognitiva.

O acto contou coa presenza da directora xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana, e do director – conservador de PNMTIA, José Manuel Bouzas; un apoio constante para os nosos activistas medioambientais, tanto en proxectos de restauración e conservación da natureza como na labor de adaptación para facer do Parque un lugar máis accesible e inclusivo para tódalas persoas.

Durante a presentación, conducida polos pekes Sofía Ronzoni e Francisco Romero e por Alfonso Pérez, usuario do Fogar Amicos; reivindicouse a necesidade e a importancia de seguir avanzando cara unha sociedade á que todos poidan acceder e na que poidan participar de forma equitativa.

Unha campaña na que dende Amicos buscamos mobilizar á sociedade para levar a cabo accións  nas que “a inclusión deixe de ser un concepto abstracto para converterse en algo visible, próximo e compartido”.

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org