• O alumnado de 4º de Primaria do Colexio La Encarnación participou en xogos de sensibilización e nunha recollida de residuos xunto aos activistas medioambientais de Amicos
  • A iniciativa, desenvolvida coa colaboración de Clavo Food Factory, permitiu retirar máis de 7 quilos de lixo da contorna do río Umia

Esta semana @s nos@s activistas medioambientais achegáronse a Caldas de Reis para conducir unha nova xornada de sensibilización medioambiental da man de Clavo Food Factory. Nela participou o alumnado de 4º de primaria do Colexio La Encarnación, que aprendeu sobre o coidado medioambiental a través do xogo e a práctica.

A mañá comezou no Parque do Maior da Tafona, onde os nosos activistas medioambientais prepararon diferentes xogos para que os rapaces e rapazas puidesen aprender máis sobre reciclaxe e biodiversidade fluvial dunha forma participativa. Entre probas de separación de residuos e un divertido memory sobre as especies que habitan nos nosos ríos, os escolares demostraron que teñen moi claros moitos dos conceptos necesarios para converterse en auténticos defensores da natureza.

Despois chegou o momento de pasar á acción. Equipados con luvas, bolsas e moitas ganas de colaborar, os participantes percorreron a contorna do río Umia recollendo os residuos abandonados que atopaban ao seu paso. Unha actividade na que, ademais de contribuír á conservación do espazo natural, puideron aplicar todo o aprendido durante os xogos da primeira parte da xornada.

 

 

 

 

Entre todos e todas conseguimos retirar máis de 7 quilos de residuos do entorno, clasificándoos correctamente para facilitar a súa posterior reciclaxe.

@s nos@s activistas medioambientais tamén gozaron especialmente desta actividade. Ademais de acompañar ao alumnado durante toda a xornada, foron os encargados de explicar o proceso de separación dos residuos e de compartir os seus coñecementos sobre a importancia de protexer os ecosistemas fluviais. Un papel protagonista que pon en valor a súa capacidade para liderar accións de sensibilización ambiental e transmitir a súa experiencia á comunidade.

A xornada contou tamén coa presenza do alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez; da responsable de Medio Ambiente de Clavo Food Factory, Lucía Vázquez; do noso técnico de orientación laboral na zona, Pablo Penide, e do responsable e o coordinador da área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, Miguel Beiro e Keltoi Cameán, que acompañaron aos participantes durante a actividade.

Esta acción forma parte da colaboración que mantemos con Clavo Food Factory para impulsar iniciativas de conservación e sensibilización ambiental no territorio. Un traballo conxunto que nos permite seguir achegando a educación ambiental ás novas xeracións e contribuír ao coidado dun espazo tan valioso como o río Umia.

 

 

 

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org