- O acto de clausura celebrouse no Centro de Control da Área Terminal do aeroporto Rosalía de Castro, onde as persoas participantes recibiron os seus diplomas
- Amicos OnBoarding conta co capoio de Enaire para fomentar a inclusión laboral de persoas con discapacidade nas zonas de influencia dos aeroportos galegos
Esta mañá celebramos a clausura do noso proxecto Amicos Inclusion: OnBoarding xunto a vari@s d@s participantes no Centro de Control da Área Terminal de Santiago de Compostela, no aeroporto Rosalía de Castro. Unha iniciativa na que traballamos con cada un/unha dos participantes para mellorar a empregabilidade das persoas con discapacidade a través de itinerarios especializados orientados ás oportunidades laborais existentes nos aeroportos galegos.
No encontro participaron unha representación dos participantes, formada por dez das trinta e seis persoas acompañadas, a o coordinador da nosa área de Alianzas con Persoas e Empresas, Keltoi Cameán; o técnico de orientación laboral Pablo Penide; e representantes de ENAIRE, entre eles o xefe do departamento de Operacións do TACC, Alfonso Romero, e o seu equipo; así como da controladora aérea da dependencia, Silvia Butler; da técnica da área de Recursos Humanos, Maribel Pérez; dos profesionais de ENAIRE Carlos Mata e Salvador Rebollido; e da xefa da División de Clientes e Responsabilidade Social Empresarial de ENAIRE, María López.
A xornada permitiunos coñecer espazos habitualmente restrinxidos ao público, como as instalacións operativas e a torre de control do aeroporto, onde nos achegamos ao funcionamento diario dunha infraestrutura estratéxica para Galicia da man d@s seus profesionais.
Asemade, como peche simbólico do proxecto, o noso equipo fixo entrega dos diplomas acreditativos ás persoas participantes en recoñecemento ao seu esforzo e evolución ao longo do itinerario.
Amicos OnBoarding, impulsada pola nosa asociación co financiamento de ENAIRE, desenvolveu itinerarios personalizados de inserción laboral que combinaron orientación, formación especializada, intermediación co tecido empresarial e acompañamento tanto ás persoas participantes como ás empresas durante todo o proceso de incorporación. Ademais, impartíronse accións formativas transversais e específicas sobre o ámbito aeroportuario e a atención ao público, adaptadas ás necesidades de cada persoa.

Un balance que supera os obxectivos previstos
Os resultados acadados superaron amplamente as previsións iniciais. O equipo atendeu un total de 36 persoas, o que representa o 170 % do obxectivo establecido, e permitiu formar a 32 participantes, alcanzando o 261 % das previsións iniciais. Ademais, ao longo do programa realizáronse 171 horas de orientación laboral individualizada, complementadas por accións de formación, intermediación e acompañamento. Todo este traballo traduciuse en 10 contratos de emprego, superando tamén o obxectivo inicial de sete contratacións previstas, todas elas na área de influencia do aeroporto Rosalía de Castro.
O coordinador de Alianzas, Keltoi Cameán, destacou que “este proxecto demostra que a inclusión laboral tamén pasa por abrir espazos que tradicionalmente parecían afastados das persoas con discapacidade. Grazas ao apoio de ENAIRE puidemos demostrar que o talento non entende de barreiras e que, cando existen alianzas comprometidas, as oportunidades convértense en emprego e autonomía.”
ENAIRE, un aliado para a inclusión laboral
Amicos OnBoarding foi posible grazas ao apoio de ENAIRE, o xestor estatal da navegación aérea en España, entidade pública dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e referente europeo na prestación de servizos de navegación aérea.
Nada disto sería posible sen o apoio de ENAIRE, entidade que apostou por este proxecto desde o primeiro momento e coa que compartimos a convicción de que a inclusión laboral pasa por eliminar barreiras e crear oportunidades reais.

NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


