- A xornada reuniu a participantes, empresas colaboradoras e representantes institucionais para poñer en valor o camiño percorrido durante os primeiros meses do programa
- 61 das 100 persoas participantes xa conseguiron incorporarse ao mercado laboral, acadando un total de 97 contratacións en distintos sectores
Este martes, 7 de xullo, celebramos no Centro de Atención Integral o acto balance da primeira metade do Programa Integrado de Emprego Amicos 2025/26, na que o equipo tamén recoñeceu ás persoas participantes. Un encontro no que compartimos c@s protagonistas do programa, empresas colaboradoras e representantes institucionais os avances acadados ata o momento.
No acto participaron a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Xunta de Galicia, Zeltia Lado; a directora de Relacións Institucionais de Congalsa, Isabel Cañas; a técnica do equipo de Recursos Humanos de Gadisa, Carlota López e por representantes dalgunhas das empresas que colaboran activamente co programa, como Limpezas Chus ou Inmobiliaria Mirabén Barbanza.
A cita serviunos para facer balance destes primeiros meses, pero sobre todo para recoñecer o compromiso e o esforzo das persoas que cada día traballan para achegarse un pouco máis ao mercado laboral. Ademais, durante o acto fixemos entrega dos diplomas acreditativos ás persoas participantes para recoñecer todo o seu esforzo.
Durante o acto, tanto Gadisa como Congalsa puxeron en valor esta colaboración, destacando a importancia de seguir creando pontes entre empresas e persoas que buscan unha oportunidade para desenvolver o seu proxecto profesional.

Uns resultados que falan do traballo compartido
Actualmente, o noso Programa Integrado de Emprego acompaña a 100 persoas desempregadas dos concellos de Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Noia, Porto do Son, Rianxo e Lousame. Delas, 61 xa conseguiron incorporarse ao mercado laboral, sumando un total de 97 contratacións en sectores como o comercio, a industria, a loxística, o turismo ou a atención sociosanitaria.
Detrás destes datos hai horas de orientación individualizada, formación, prácticas en empresas e acompañamento continuo para que cada persoa poida desenvolver as súas capacidades e afrontar con máis garantías a procura dun emprego.
Uns resultados que non serían posibles sen a implicación do tecido empresarial da comarca. Empresas como Gadisa, Jealsa, Vegalsa-Eroski, Grupo JJ Chicolino, Indalsu, Congalsa e numerosos negocios locais continúan abrindo as súas portas ás persoas participantes, ofrecéndolles prácticas e oportunidades laborais reais.
O Programa Integrado de Emprego, cofinanciado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), continuará desenvolvéndose nos próximos meses co obxectivo de seguir xerando novas oportunidades de emprego e acompañando ás persoas no camiño cara á súa inserción laboral.
Ademais, aproveitando a visita, a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego percorreu tamén as nosas instalacións para coñecer de preto o AFD de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, así como o Servizo de Orientación Laboral que desenvolvemos en colaboración coa Xunta de Galicia.

NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


