- Comprométete cos ODS busca achegar os dezasete obxectivos fixados pola ONU á cidadanía a través da educación ambiental, a participación e a acción directa sobre o territorio
- En total participaron 266 escolares e 35 persoas adultas nas accións desta iniciativa, que contribuíron á retirada de 62,18 quilos de residuos da contorna nos últimos seis meses
Durante os últimos meses, @s nos@s activistas medioambientais continuaron a demostrar que o xogo é unha das mellores canles para aprender e pensar sobre calquera tema. E así o fixeron tamén no marco de Comprométete cos ODS, no que conduciron unha decena de accións, nas que participaron 266 escolares e 35 persoas adultas.
Ao longo das actividades, os e as participantes coñeceron diferentes obxectivos da Axenda 2030, especialmente aqueles relacionados coa protección do planeta, como o ODS 13, Acción polo clima; o ODS 14, Vida submarina; ou o ODS 15, Vida de ecosistemas terrestres. Pero non nos quedamos só na teoría.Algunhas das xornadas incluíron recollidas de residuos mariños, grazas ás que conseguimos retirar 62,18 quilos de lixo da contorna.
O obxectivo principal do proxecto foi achegarlle a sustentabilidade á cidadanía dun xeito práctico, facilitando que as persoas participantes non só coñezan os retos ambientais, senón que tamén se impliquen directamente no seu coidado. E para achegar estes grandes retos globais á realidade do día a día, os nosos activistas converteron os ODS en xogos, dinámicas e retos. Así foi máis doado falar de consumo responsable, igualdade, coidado da auga, biodiversidade ou cambio climático dunha maneira próxima e adaptada ás persoas participantes.
Inclusión e compromiso ambiental
Comprométete cos ODS tamén pon en valor o papel das persoas con discapacidade como axentes activos no coidado do medio ambiente. A través dos nosos activistas medioambientais, demostramos que a inclusión e a sustentabilidade avanzan xuntas e que tod@s temos algo que achegar ao coidado do planeta.
Esta iniciativa está impulsado por Amicos no marco do VI Plan Social ENCE Pontevedra 2026.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047


