- Esta semana visitamos a principal institución lexislativa de Galicia nun percorrido pola historia democrática da nosa comunidade
- A visita encádrase dentro do noso proxecto Ciudadanía Inclusiva, que conta co apoio do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 da Dirección Xeral da Axenda 2030, do Goberno de España
Esta semana achegámonos ao Parlamento de Galicia para coñecer de primeira man como funciona esta institución e descubrir un pouco máis sobre a nosa participación como cidadáns. Unha visita guiada marabillosa, na que non só coñecemos todo o traballo que se realiza dende a principal institución lexislativa de Galicia, tamén coñecemos parte da historia da nosa comunidade nas últimas cinco décadas.
Rosa e Susana foron as nosas guías durante todo o percorrido e encargáronse de explicarnos, paso a paso, que sucede detrás das portas do Pazo do Hórreo. Non só visitamos espazos como o Salón dos Reis, a Sala do Rexurdimento, a Biblioteca ou a Sala das Letras Galegas; tamén nos foron explicando con detalle as funcións e como se compón o Parlamento, que son os grupos parlamentarios e como funciona o proceso electoral.
Pero a parte que máis nos interesou foi a da participación cidadá. A través dun vídeo institucional e da propia web do Parlamento, coñecemos os seus órganos, como se elaboran as leis e cales son os procedementos e vías que temos á nosa disposición para participar na vida pública. Porque exercer a cidadanía tamén significa saber que podemos facer e como podemos facelo.
Asemade, outro dos nosos momentos favoritos foi a da visita ao Hemiciclo, que tantas veces vemos pola televisión. Alí coñecemos como funciona o proceso lexislativo e tivemos a oportunidade de subir á Tribuna de oradores para expoñer a nosa propia causa. Iso si, esta vez sen políticos diante!
E para rematar a experiencia, simulamos unha votación e a aprobación dunha lei, poñéndonos por un momento na pel das persoas que participan directamente no funcionamento da Cámara.
Unha visita na que non paramos de aprender e preguntar, e a través da que entendemos todo o que engloba o concepto de cidadanía activa e ata que punto temos temos ferramentas para formar parte da vida pública. Unha visita encadrada no noso proxecto Ciudadanía Inclusiva: Impulsando instituciones sólidas desde la discapacidad intelectual, unha iniciativa que levamos a cabo grazas ao Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030 da Dirección General de la Agenda 2030, do Goberno de España.
Mil grazas a Rosa e Susana por facernos desfrutar e aprender nun percorrido tan especial, e a tódalas persoas que nos atopamos ao longo do percorrido. Quedade atent@s, esperamos volver moi pronto para cousiñas novas.


Para máis información:
981 865 716
658 753 047


